O historiador Carlos Montes, do Centro de Estudos Chamoso Lamas, crea unha serie con IA sobre a historia do Carballiño

3, Marzo 2026

O historiador Carlos Montes, integrante do Centro de Estudos Chamoso Lamas, vén de presentar unha innovadora serie audiovisual sobre a historia do Carballiño, elaborada mediante ferramentas de intelixencia artificial e cun rigoroso traballo de documentación histórica.

O anuncio realizouse nunha rolda de prensa na que participou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, quen destacou que o proxecto “é unha ferramenta moi útil para achegar a historia ás veciñas e veciños dun xeito ameno e accesible”, poñendo en valor o coñecemento profundo que Montes posúe sobre o pasado da vila.

Pola súa banda, o presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez, cualificou a iniciativa como “novidosa e necesaria”, subliñando que Montes é un dos investigadores que máis ten traballado nas orixes do Carballiño, lembrando publicacións como As orixes do Carballiño e outros estudos centrados no desenvolvemento histórico da localidade.

Dez capítulos para recrear a evolución da vila

A serie estrutúrase en dez capítulos, cunha duración aproximada de catorce minutos cada un, nos que distintos personaxes históricos narran en primeira persoa os acontecementos máis relevantes de cada época, desde as orixes do Carballiño ata mediados do século XIX.

A través da combinación de documentación histórica, guión narrativo e recreación visual con intelixencia artificial —empregando diferentes ferramentas para xerar imaxes, voces e ambientacións— o proxecto reconstrúe espazos e momentos clave da evolución urbanística e social da vila.

Entre os escenarios recreados atópanse enclaves emblemáticos como a antiga Praza do Cruceiro (hoxe Praza dos Irmáns Prieto) ou a contorna da igrexa de San Antonio, explicando a súa transformación ao longo do tempo.
Segundo explicou o propio Montes, o obxectivo é “que todo o mundo poida comprender como era o Carballiño en cada época e como foi medrando e transformándose”, nun formato pensado para todos os públicos e especialmente atractivo para as novas xeracións.

Estrea no Auditorio e publicación semanal en YouTube

A estrea oficial terá lugar este domingo ás 12:00 horas no Auditorio do Carballiño, onde se proxectarán os tres primeiros capítulos nunha pantalla grande.
Posteriormente, a serie publicarase de maneira gratuíta en YouTube, a razón dun capítulo semanal, a través do canal “Historia do Carballiño”. A subscrición permitirá recibir automaticamente cada nova entrega.

Desde a organización animan á veciñanza a asistir á estrea e a apoiar esta iniciativa cultural que combina innovación tecnolóxica e divulgación histórica para poñer en valor o patrimonio do Carballiño.

O tráiler da serie xa está dispoñible na ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=vRlFkXJoVNo