O IES Chamoso Lamas, concello e empresas, apostan pola FP Dual en soldadura e caldeirería no Carballiño
O Concello do Carballiño, o I.E.S. Chamoso Lamas, GRI TOWERS e Grupo DIZMAR veñen de reunirse para colaborar e impulsar a implantación da Formación Profesional Dual en Soldadura e Caldeirería, co obxectivo de mellorar a empregabilidade a través dunha formación de calidade, así como a dotación a estas empresas de profesionais axustados as súas necesidades reais.
Esta iniciativa conta coa colaboración de dúas empresas punteiras do sector do metal de Galicia, como son Grupo DIZMAR e GRI TOWERS. Por unha banda, o Grupo DIZMAR está especializado na fabricación e montaxe de estruturas metálicas con importantes proxectos de obras nacionais e internacionais. Entre as súas obras emblemáticas dos últimos anos, figura a ponte St. Laurence ( Montreal-Canadá), o viaduto Kwame Nhrumah (Ghana) o subministro de pezas para a ampliación da Ponte de Rande e recentemente a estrutura para o Hospital de Epidemias da Comunidade de Madrid. Por outra banda, Gri Towers é provedora de torres e bridas para o sector eólico, produce unhas 8 torres eólicas por semana, o que supón unhas 400 torres cada ano. Opera principalmente en España, Francia, Italia, Suecia, Finlandia, Noruega, EEUU, Norte de África e Europa do Este. Gañou máis dimensión ao incorporar no ano 2018 as seccións de corte e biselado.
O sector do metal imponse como xeradora de emprego na Comarca do Carballiño, con un total de aproximadamente 600 traballadores e traballadoras, segundo os datos facilitados por Carlos Rivas (Grupo Dizmar) e Fernando Puente (Gri Towers). Estas empresas insisten na importancia da contratación local e dinamización do mercado laboral. Ademais ,sinala Fernando Puente (Gri Towers), o apoio a maior incorporación da muller no sector do metal, e atraer o talento feminino. Ambas empresas manifestan o seu compromiso para traballar conxuntamente co Centro educativo, facilitando os períodos de prácticas e o apoio de profesionais con ampla experiencia neste sector.
A esta xuntanza tamén asistiu José Manuel Vázquez López, director do I.E.S. Chamoso Lamas e José Luís Osorio, dinamizador FP Dual deste Centro, como impulsores da iniciativa de ampliar a oferta formativa e dar resposta ás demandas do mercado laboral. O alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega e o Concelleiro de Emprego, Manuel Dacal, manifestan o seu compromiso con esta iniciativa e ven unha gran oportunidade para mellorar a formación e inserción no mercado laboral. O Concelleiro de Emprego, Manuel Dacal, comprometeuse a concertar unha reunión coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia para a solicitude da posta en marcha deste proxecto para o vindeiro curso escolar.