O IES Chamoso Lamas participa nunha nova edición do "Parlamento Xove"
Os alumnos de 3º de ESO do IES Chamoso Lamas, Pilar España, Marta Fernández, Santiago López e Manuel Quireza participarán o sábado 27 de Febreiro na sétima edición do Parlamento Xove, mentres que o sábado 5 de Marzo a quenda será para os alumnos de Bacharelato, Yeray Barreiro, Danarys Michaelis, Ana Fernández e Lucía España.
O proxecto Parlamento Xove confórmano un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre os mozos o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias.
Poténcianse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.
Na edición deste ano o tema a tratar leva como título “Determina o papel do profesor/a o futuro dos nosos mozos e mozas? ”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, nesta edición participan 48 centros de toda Galicia.