O Instituto de Estudios Carballiñeses presenta un libro sobre o románico na Comarca e o nº 35 da revista "Agora do Orcellón"
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de presentación do XXXV número da revista Ágora do Orcellón, que edita o Instituto de Estudios Carballineses (IEC) coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. No mesmo acto deuse a coñecer tamén o volume O románico na comarca do Carballiño, de Xesús Gulías, presidente do Departamento de Etnografía e Arqueoloxía do IEC, que se inclúe como suplemento á revista.
Valentín García expresou a súa satisfacción polo feito de que “os proxectos editoriais en galego se manteñan no tempo e cheguen ata os seus 35 anos de vida, o que é mostra do seu interese e da receptividade do público lector cara ás publicacións na lingua propia de Galicia”.
O número XXXV da revista do IEC Ágora do Orcellón sae do prelo encabezada por unha presentación de Avelino Muleiro en que se aborda o tema do separatismo catalán e complétase con contribucións do máis alto nivel arredor de temáticas diversas. Fernando Ramos aborda o tema de As vellas mina de Brués, Felisindo González trata de A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica, Estanislao Fernández de la Cigoña é o autor do artigo etnográfico Vade retro Satanás, Carlos L. Bernárdez reflexiona sobre Discurso e decurso vital. A obra de Antón Pulido, Alger Sans ocúpase de Democracia e coñecemento, Luis Castellanos escribe sobre As palabras que no aire respiramos, Mario Bunge propón Probas de filosofías políticas e Xesús Alonso Montero, Nota introdutoria a un estudo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018).
Por primeira vez, a revista Ágora do Orcellón sae do prelo acompañada dun monográfico en forma de libro. Trátase de O románico na comarca do Carballiño, onde Xesús Gulías fai un amplo percorrido por máis de 90 igrexas, pontes, cruceiros, pías bautismais etc. explicando as marcas dos canteiros que aparecen neses monumentos e parándose na figura do “encomendador”, que era a persoa que elixía un ou outro artesán para realizar o traballo artístico.
Instituto de Estudios Carballineses
A presentación de Ágora do Orcellón tivo lugar tras a asemblea anual do Instituto de Estudios Carballineses, durante a que se incorporaron 10 novos membros e se decidiron os temas que se tratarían no vindeiro número da revista, así como os proxectos de traballo que desenvolverán nos próximos meses os 10 departamentos do IEC.
O Instituto de Estudios Carballineses é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que na actualidade conta con máis de 250 persoas asociadas e que desde a súa fundación, en 1999, vén realizando unha serie de actividades culturais entre as que destaca a publicación semestral da revista Ágora do Orcellón. Entre os seus obxectivos fundacionais destacan os de fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes etc., así como en todas as manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca.