O Irixo é o municipio elexido para ubicar a planta de residuos do sur de Galicia, á que se opoñen socialistas e nacionalistas

5, Decembro 2011

Asi o anunciou o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras Agustín Hernández. O municipio do Irixo é o elexido pola empresa Estéla Eólica, un proxecto que precisará dun investimento de 230 millóns de euros e prevé a creación de 250 postos de traballo directos. O proxecto deberá agora tramitarse ante o Concello do Irixo e a Xunta de Galicia.

A planta de tratamento do lixo para todo o sur de Galicia tratará aproximadamente un tercio do lixo que se produce en Galicia, 366.000 toneladas, unha cantidade lixeiramente inferior a planta de Sogama en Cerceda. Ocupará unha superficie de 70.000 metros cadrados, que deberá adquirir a empresa, xa que non se contempla a expropiación. Aínda que non transcendeu a zona concreta para a súa ubicación, esta emisora de radio pudo saber que os terreos elexidos sitúanse no límite cos concellos de Dozón e Lalín, na parroquias de San Cosme de Cusanca e  O Campo, en terreos que son na súa maior parte de propiedade comunal.

O proxecto contempla a construcción de cinco plantas para a tranferencia de residuos, a promotora, Estela Eólica deberá tramitar os permisos ante o Concello do Irixo, que deberá adaptar a instalación dentro do seu ordenamento urbanístico. A futura planta deberá estar operativa no ano 2014, polo que se adiantaría a súa entrada en funcionamento en relación ao Plan de Resíduos de Galicia, que establecía un horizonte no ano 2017.

O Alcalde do Irixo, Manuel Penedo, manifestou en declaracións a COPE O Carballiño que "tívose en conta a boas comunicacións do Irixo, entre Lalín e O Carballiño, cunha situación próxima ás autovias de Santiago e Vigo, e tamén polo ferrocarril, que nun futuro será tamén decisivo para desenvlver este proxecto, xa que aquí no Irixo estará ademáis a estación de transferencia do AVE".

Do total de 366.000 tonenadas de resíduos que recibirán tratamento nesta futura infraestructura, 310.000 toneladas serán para valoración enerxética, mediante incineración, mentres que 40.000 serán destinadas ao compostaxe e outras 16.000 a envases lixeiros. O Alcalde do Irixo calcula que "entre os postos de traballo directos, 250 e os indirectos e de empresas auxiliares, crearánse arredor dos 400 ou 500 empregos".

Penedo tamén salientou a importancia que o proxecto ten para os ingresos económicos que repercutirán no Concello do Irixo, asi como "na creeación de postos de traballo, ademáis dos 250 directos que contempla o proxecto están outros 100 en empresas auxiliares que se ubicarán no parque industrial da Bugalleira, ademáis os veciños do Irixo xa terán traballlo incluso con antelación, nas obras de construcción da planta, porque esa foi unha das condicións que puxemos á empresa", dixo.

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS, EN CONTRA DO PROXECTO

O PSdG-PSOE, que defendia co bipartito a ubicación do chamado "parque medioambiental" no Concello de Carballeda de Avia, na comarca do Ribeiro, reuníu aos responsables provinciais do partido no Carballiño, nunha  convocatoria na que tamén participaron, entre outros, o Alcalde de Piñor, e Concelleiros do Carballiño, O Irixo e Cea. A Secretaria Provincial de Organización Maria Quintas dixo que o proxecto "devalúa a provincia, é lamentable e miserable que nun momento de crise se pretenda vender postos de traballo, que ademáis é mentira", suliñou.

Os Socialistas lamentaron que a Xunta repita o modelo fracasado de Sogama en vez de apostar "pola reutilización e transformación de maneira saúdable". Maria Quintas manifestou, ademáis, que "anuncian unha improvisación, sen que teñan os terreos, sen falar co Concello e sen que éste teña un plan xeral". A Portavoz Socialista afirmou que o proxecto "tiverono silenciado atá pasar as eleccións, porque lle restaba votos".

Desde o Bloque Nacionalista Galego lamentouse que a Xunta aposte pola incineración no tratamento do lixo "a pesar de todos os posicionamentos  contrarios a este tipo de plantas en vez de decidirse pola compostaxe". Os nacionalistas tampouco comparten os criterios sobre a creación de postos de traballo xa que "non se sostén a creación de postos de traballo que se apunta, porque coa compostaxe xeneranse máis postos de traballo",  asegurou a Portavoz de Medio Ambiente do BNG Isabel Sánchez.