O Laboratorio de Radón de Galicia e concello de Maside asinan un convenio para a elaboración dun mapa municipal do gas radón
O Concello de Maside e o Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, logo da asinar un convenio de colaboración para a elaboración dun Mapa municipal de radon e despois de agardar un tempo prudencial pola COVID, convocaron unha reunión na Casa do Concello para iniciar os preparativos do procedemento para a medición do gas en 69 vivendas. Nesta reuníón particparon Alberto Ruano, Profesor Titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Coordinador do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela no Laboratorio de Radon de Galicia; José Manuel Iglesias, Alcalde do Concello de Maside e Óscar Gónfer, arquitecto municipal.
O convenio de colaboración asinado entre o Concello de Maside e o Laboratorio de Radón de Galicia é o primeiro da provincia de Ourense e o segundo en toda a comunidade autónoma de Galicia, despois do asinado polo Concello de Teo. O Concello de Maside leva máis de dous anos –a través da súa Oficina municipal de urbanismo– prestando de forma gratuíta servizos de xestión co Laboratorio de Radon de Galicia para realizar as medicións e de asesoramento sobre as posibles medidas de mitigación, cun total de 52 medicións repartidas ao longo de todo o municipio e que abarcan vivendas unifamiliares, negocios e locais comerciais, edificios de uso público municipais e residencias de maiores, o colexio público e o centro de saúde.
Dentro da promoción dunha vida saudable e da caracterización e medición dos riscos para a saúde, o Concello de Maside pretende fomentar as medicións de radon interior nas vivendas do municipio coa colaboración do Laboratorio de Radon de Galicia, para dar mellor información aos veciños, incluíndo actividades formativas no Concello impartidas polos membros do Laboratorio de Radon de Galicia e dispor dun mapa detallado de exposición a radon que será de utilidade para a construción de novas vivendas ou rehabilitación das existentes. As vivendas a medir serán aquelas que reúnan certas características. As medicións faranse con detectores de longa exposición (de tipo Alpha-track), mediante procedemento acreditado pola ENAC.
As características que deben reunir as vivendas a medir son as seguintes: Vivendas sitas no Concello de Maside e que a persoa ocupante estea censada neste Concello, vivendas unifamiliares, illadas ou adosadas (as vivendas con soto terán preferencia) e o desexo do propietario de coñecer a concentración de radon. Nunha primeira fase medirase unha vivenda por cada núcleo de poboación do municipio, é dicir, un total de 69 vivendas. Os resultados das medicións serán confidenciais e proporcionaranse de xeito exclusivo aos propietarios das vivendas e serán integrados de forma anónima no Mapa de Radon de Galicia.