O novo edificio de FP do Instituto Manuel Chamoso Lamas do Carballiño permitirá incrementar a oferta do centro e dotalo de mellor equipamento. Comezaron as obras nas que a Xunta inviste case 2,5 millóns de euros.

27, Agosto 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou esta mañá o avance das obras de ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño. Unha actuación que, como explicou, conta cun orzamento de case 2,5M€ co fin de dotar o centro de mellores espazos e equipamento para os ciclos de FP e permitir un incremento de prazas.

Durante a visita, o representante da Xunta anunciou tamén un investimento de case 6M€ -cifra que se multiplica por catro con respecto ao ano 2023- para dotar aos centros de toda Galicia de FP da tecnoloxía máis punteira. Entre eles, detallou, atópase este instituto ourensán. O Instituto Manuel Chamoso Lamas é un dos 140 centros beneficiados, cunha inxección de 64.000€ para un paquete de dotación que inclúe unha equilibradora e unha desmontadora de rodas, un equipamento de ensaio mediante ultrasóns ou un brazo de robot colaborativo con controladora, entre outra maquinaria.

En canto á ampliación do centro, ao abeiro do Plan de Nova Arquitecta Pedagóxica constrúese un novo edificio anexo para albergar talleres e aulas de FP, con especial atención aos ciclos da familia profesional de Soldadura e Caldeiraría. Cómpre salientar que estas ensinanzas se implantaron no centro precisamente pola demanda dos traballadores das empresas do metal da área empresarial do Carballiño. Novo edificio de 1.581m² A superficie total do novo volume será de 1.581m². No andar superior habilitaranse tres novas aulas, ademais de aseos, almacén, conserxería, vestíbulo e distribuidor. No andar baixo localízanse os talleres de mecanizado e soldadura, vestiarios, espazos de almacenamento, cuarto de telecomunicacións, distribuidor, vestíbulo e recepción.

As obras están xa en marcha, con traballos iniciais de escavación, e a previsión é que o novo edificio entre en funcionamento no curso 2025/2026. O instituto conta con preto de 450 alumnos, dos que máis de 160 son de Formación Profesional. Para o curso 2024/25, a Xunta incorpora á súa oferta o ciclo de FP Básica de Mantemento de Vehículos. Ademais, o centro conta cos ciclos de FP Básica en Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio en Xestión administrativa, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles. Na modalidade dual intensiva oferta proxectos nos ciclos de grao medio en Electromecánica de maquinaria e de Soldadura e caldeiraría, así como nos de grao superior en Automatización e robótica industrial e en Robótica colaborativa.

Outras obras no Carballiño

Ademais desta obra de gran envergadura, no marco do dentro do novo Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola a Xunta está a executar este verano outras actuacións de pequena reforma e mellora en centros de ensino do Carballiño por importe de preto de 50.000, en concreto no Colexio CEIP Calvo Sotelo e no Instituto IES Nº1.