O novo edificio de usos múltiples do concello de Piñor albergará diferentes actividades de carácter social e deportivo.
A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor porán este ano á disposición da veciñanza un edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde da localidade, José Luis González, visitou hoxe esta actuación, cuxo obxectivo é dotar a este municipio dun novo edificio multifuncional.
O inmoble consta de planta baixa —na que se localiza unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —con outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.
Ademais, o edificio de usos múltiples de Piñor, que segundo avanzou a vicepresidenta estará totalmente rematado nun mes, localízase ao carón do albergue de peregrinos e dunhas pistas polideportivas, o que converterá esta contorna nun nodo de equipamentos e punto de encontro para a veciñanza da localidade.
Cun investimento total de máis de 500.000 euros, estas obras acometéronse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais.
Deste xeito, segundo explicou Ángeles Vázquez, o Goberno galego financiou o 70 % do custo das obras e o concello, a través dun convenio asinado coa Deputación de Ourense, achegou o 30 % restante, un apoio económico que resulta clave, resaltou, para que moitos municipios poidan acometer obras de humanización que, como esta, inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza e na habilitación de espazos públicos.