O Parque Etnográfico do Arenteiro rexistra case 3.000 visitas durante os meses de xullo e agosto. O concello planifica novas actuacións para seguir mellorando este equipamento cultural.
O Parque Etnográfico do Arenteiro segue gañando visitantes e aumentando os seus atractivos. Nos últimos dous meses de verán rexistrou case 3.000 visitantes e conta con novos elementos aportados por particulares, ademais de documentación histórica dos muíños que se foi recompilando. Se durante xullo foron 1.195 as persoas que descubriron o museo, no mes de agosto a cifra ascendeu a 1.642. Aínda que a maior parte dos visitantes proceden do territorio español, destacou o pasado mes o número de turistas americanos (165) e de Europa (173).
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Obras, Rogelio Otero, visitaron as instalacións nos últimos días. Ademais de escoitar de boca do responsable do museo o balance do verán, revisaron as actuacións realizadas durante estes meses, como a limpeza do entorno dos muíños e máis en concreto do canal de entrada de auga, para que coa recuperación do caudal por parte do río Arenteiro poida poñerse de novo en funcionamento. Tamén se realizou a limpeza integral dos cubos e dos muros e exteriores.
Ademais, planificaron novas actuacións, como a mellora da comunicación entre o centro e os diferentes servizos do seu entorno mediante actuacións de enlousado e empedrado. O rexedor aproveitou a visita para facer un chamamento a veciñanza que non coñeza o espazo, que xa se converteu neste verán un dos principais atractivos turísticos da vila e que conta cun altísimo valor etnográfico.
O Parque Etnográfico do Arenteiro está localizado nun lugar único, no que nun radio de 200 metros, atópase a Fábrica de Papel, a Pena dos Namorados, o parque do Carballiño, a piscifactoría, o cámping, a Residencia do Tempo Libre ou mesmo unha estación meteorolóxica, ademais de dous restaurantes.
A relevancia dos muíños
O Parque Etnográfico do Arenteiro nace do desexo de recuperación dun espazo situado ao pé do río Arenteiro no que toman especial relevancia os muíños. Nesta área pódese observar como era a industria rural da agricultura galega e o funcionamento dun muíño. Ademais, pódese ver a Casa do Muiñeiro, unha fidedigna reconstrución da vivenda típica do muiñeiro dos anos 40 do pasado século. O espazo tamén acolle unha sala de audiovisuais onde se proxectan as diferentes unidades temáticas vencelladas co universo do muiñeiro.
Cómpre destacar que nas instalacións ofrécese unha visita guiada, dunha media hora, e que se divide en seis partes:
-Casa do Muiñeiro: Recreación da casa cos espazos habitacionais, explicacións dos obxectos expostos, paneis demográficos dos derradeiros cen anos da comarca do Carballiño e a súa relación coa historia dos muíños e aspectos burocráticos da época.
-Establos da Casa: explicación histórica da evolución dos muíños, a propiedade dos mesmos e as razóns da súa desaparición; exposición dos aperos e materiais de traballo doméstico así como o papel dos animais a traveso das distintas épocas.
-Panorámica dos Canais e explicación das captación e levada da auga, sistemas de exclusas e enxeñería hidráulica dos cubos e exclusas.
-Muiño Grande de 3 moas: Recreación das moendas e explicación sociolóxica das mesmas; gráficas dos antigos sistemas de medicións dos volumes e superficies, visión dos diferentes elementos de enxeñería hidráulica e da moenda, resumo do estado e número de muíños na cunca do río Arenteiro.
-Muiño Pequeno de 2 moas: gráficas de tódolos aspectos xeolóxicos e morfolóxicos da cunca do río Arenteiro e comarca do Carballiño; visor da maqueta do río o seu paso pola vila.
-Panorámica do río: explicación das diferentes paisaxes da cunca dende o seu nacemento ata a súa desembocadura cos tramos de montaña, bocarribeira e ribeira.
O horario das visitas guiadas é de 11 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.