O Partido Popular "alerta de incumprimento da empresa que xestiona o servizo BO DIA FAMILIA, coa permisividade do grupo de goberno". O concello nega as irregularidades.
O Partido Popular denuncia que o goberno municipal "sexa permisivo cunha empresa externa que ten obrigación contratual co concello" e esixe explicacións inmediatas.
Afirman os populares que os pais e nais dos cativos que acuden a este servizo municipal mostraron a súa preocupación "polo que está acontecendo coa baixa dunha traballadora da empresa contratada para atender este servizo, pois non é substituída por outra e as súas funcións son suplidas por unha concelleira do grupo de goberno".
Este servizo para atención temperá ás familias carballiñesas, dentro das políticas de conciliación, cóstalle ao concello 73.000 euros ao ano "polo que non é de recibo que unha simple baixa dunha traballadora no estea articulado, xa que é unha circustancia normal".
Non entende o Partido Popular "como o grupo de goberno, tan crítico noutros tempos con este tipo de externalizacións, non so as potencian dende que están gobernando, senón que incluso lles facilitan substitucións de traballadores, sen incluso recriminar tal circustancia, supoñemos, pois senón sería máis grave, que nada terá que ver que a traballadora da empresa que estivo ausente sexa filla doutro concelleiro tamén do grupo de goberno", remarcan.
O concello nega irregularidades no funcionamento do servizo
A concellalía de Benestar Social, Igualdade e Sanidade "non detecta ningunha incidencia reseñable no funcionamento do servizo “Bo Día Familia”.
"De feito, este servizo, que foi asumido polo actual grupo de goberno dun modo absolutamente precario, está a cubrirse temporalmente dun xeito eficiente, á espera de que se convoque o concurso para unha nova adxudicación dentro dun breve tempo", indican dende o concello.
Enganden que "a pesar de que o concello non pode realizar ningún contrato, polo impedimento do plan de axuste implantado polo anterior goberno municipal, “Bo Día Familia” conta coas suficientes monitoras para garantir a prestación. Ao respecto, hai que destacar que o concello ten previsto un orzamento de 73.000 euros, que é o presuposto establecido para convocar o novo concurso, pero non para sufragar o custo do servizo neste tempo de transición".
En todo caso, reiteran "que o servizo está cuberto de xeito eficiente, cumpríndose todos os ratios de alumnos/monitores, e non existe ningún motivo de preocupación".