O Partido Popular de Maside elixe a Nacho Campo como novo presidente da agrupación local neste concello.

Ignacio Campo González (Dacón, 1997) foi proclamado hoxe novo presidente da agrupación local do Partido Popular de Maside, logo do congreso celebrado esta tarde na Casa da Cultura, onde o presidente provincial, Luis Menor, pediu ao novo equipo directivo que abra o PP á “participación da veciñanza” como ponte entre as necesidades da xente e o traballo político municipal.
Luis Menor subliñou no seu discurso que este congreso supón a apertura dunha nova etapa no partido, tendo en conta que a última convocatoria data de 2014. Agradecendo o compromiso de Juan Álvarez, ata agora presidente local, Menor animou a Ignacio Campo a consolidar un partido “onde a cidadanía teña a oportunidade de participar activamente, de ser escoitada e de influír no futuro da súa comunidade”.
“Aquí comeza o camiño”, advertiu o líder provincial dirixíndose ao novo presidente local, “pero non vas estar só” apuntou lembrando a sólida implantación da formación popular en todo o territorio da provincia e a vocación de goberno do PP. Un partido, engadiu, que é quen de sentar as bases desde o Goberno da Xunta e o apoio da Deputación para crear un área empresarial, a cabalo co Carballiño, con máis de 1,2 millóns de metros cadrados de superficie, no que será o segundo parque empresarial da provincia. Un proxecto “que non foron quen de facer os gobernos socialistas de Maside en 20 anos”.
PROXECTO ILUSIONANTE PARA O CONCELLO
Ignacio Campo, actual portavoz municipal do PP, agradeceu o apoio da militancia e tivo palabras de recordo para o seu pai, Casimiro Campo, que foi portavoz popular na corporación local “e o meu primeiro referente da vida política local”.
O xa presidente do PP de Maside afirmou que esta é unha nova etapa na que contará con novas persoas cara o futuro, “pero tendo en conta o presente e sen esquecer o moito que fixeron aqueles que traballaron a reo no pasado”. Todos xuntos, asegurou, “imos recuperar ese proxecto ilusionante que xa tiñamos para o noso concello”.
Os socialistas, lamentou, “non deron a talla”, comprometéndose a traballar desde o partido, e desde a corporación “non para conseguir grandes obras, senón para lograr que se executen todos aqueles proxectos que melloren a calidade de vida das persoas, demostrando que somos un partido no que confiar”.
JOSÉ GONZÁLEZ DESTACA A ESTABILIDADE E CAPACIDADE DE XESTIÓN DOS GOBERNOS DO PP
No acto desta tarde tamén participou o responsable de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego e afiliado popular en Maside, José González, quen destacou a estabilidade e capacidade de xestión dos gobernos do PPP tanto en Galicia como a nivel municipal e provincial, destacando o labor de Luis Menor ao fronte da Deputación de Ourense. Tamén subliñou que o traballo da oposición en concellos como Maside é clave manter o debate político vivo e fortalecer alternativas sólidas que beneficien á cidadanía e contribúan a seguir dinamizando o tecido laboral. “Así é como se constrúe o futuro: creando emprego, proporcionando solucións aos desafíos do mercado e atraendo investimento. Fronte á inestabilidade e a improvisación doutros, nós garantimos progreso e certeza”, manifestou.
PRESIDENTE PROVINCIAL DE NOVAS XERACIÓNS E PORTAVOZ MUNICIPAL
Ignacio Campo González, graduado en Dereito, achegouse á política os 16 anos integrándose en Novas Xeracións, organización xuvenil da que é presidente provincial desde 2020. A súa traxectoria activa na vida política avanza cando forma parte das listas do PP de Maside nas eleccións de 2019, candidatura da que sería cabeza de lista nas seguintes municipais (2023).