O Partido Popular esixe que se garanta un servizo postal de calidade nos concellos rurais
O grupo provincial popular na Deputación presentara ao pleno ordinario de abril unha moción na que esixe que se garanta o servizo público postal que presta Correos nas áreas rurais da provincia, onde contribúe á cohesión social, territorial e económica facilitando e dando acceso á veciñanza, ás empresas, ao comercio e ás administracións locais a un servizo de calidade e a prezos alcanzables.
Unha iniciativa que responde, explica o vicepresidente terceiro e portavoz do grupo popular, Plácido Álvarez, “á debilitación da estrutura postal nas zonas rurais, coa diminución de recursos e recortes de persoal froito dunha xestión por parte da dirección de Correos que só obtén resultados económicos negativos”. Os servizos postais están fortemente arraigados no rural e a súa prestación, segundo a lei, “debe atender ás condicións económicas e sociais do territorio e ás necesidades dos usuarios, de xeito especial polo que respecta aos puntos de acceso, á súa calidade e eficiencia, á igualdade de condicións respecto da poboación das grandes cidades, e sen discriminación algunha por razóns sociais ou xeográficas”, advirte Álvarez.
Na moción, o Partido Popular expresa a súa “profunda preocupación” pola situación deste servizo, onde só na provincia de Ourense Correos suprimiu vinte postos de traballo, cun recorte na contratación que deixa sen cubrir o emprego estrutural e calquera tipo de permiso ou licenza do persoal coa conseguinte redución na calidade, “e ademais sen ter informado nin consultado á Deputación de Ourense, malia que afecta gravemente ao traballo desta institución e aos intereses dos nosos concellos e da veciñanza á que nos debemos”.
“Non pode ser que desde o ámbito público esteamos a defender un rural con servizos dignos e de calidade e que unha entidade como Correos, tamén pública e de carácter universal polo seu ámbito de actuación, poña trabas ao desenvolvemento económico e social destas zonas”, critica o portavoz popular.
A iniciativa do PP inclúe sete puntos para a súa aprobación, que en síntese son:
1.Reforzar o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros.
2.Incluír a Correos na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e Resiliencia.
3.Actualización e mantemento das oficinas auxiliares e unidades de repartición existentes nas zonas rurais, básicas na reversión da España despoboada.
4.Lograr o maior achegamento aos cidadáns en condicións óptimas de accesibilidade marcadas pola Lei Postal e a Directiva Europea.
5.Garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios, na actualidade insuficientes.
6.Instar o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e o Regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal, asegurando que todos os habitantes da provincia de Ourense reciban a súa correspondencia polo menos 5 días á semana.
7.Dar traslado deste acordo ao Goberno, grupos parlamentarios do Congreso, á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, á Sociedade Estatal de Participacións Industriais, e aos ministerios de Transportes e Facenda.