O Partido Popular lamenta "a falta de vontade de Veciños de Piñor para chegar a un acordo de goberno"
O Partido Popular e a agrupación electoral de Veciños de Piñor, despois de reunirse en tres ocasións coa vontade por parte dos populares de acadar un pacto de goberno conxunto para os vindeiros catro anos no Concello de Piñor, non chegan a un acordo que permitiría a gobernabilidade do concello.
"O Partido Popular fixo unha proposta por escrito o pasado venres día 5, un acordo base negociable no que plantexaba a Alcaldía para o Partido Popular e a delegación de competencias das áreas de Urbanismo, Medio Ambiente, Facenda, Persoal, Recursos Humanos e Transparencia na agrupación electoral veciños de Piñor", manifestan dende o PP.
Aseguran que non recibiron "ningunha contraproposta por parte da agrupación que representa Uxío Rodríguez Blanco máis que a solicitude verbal de ostentar a Alcaldía sen ningunha outra distribución de áreas de goberno o que para a nosa formación demostra que non existía vontade de acadar un acordo pola súa parte".
A Xunta Local do Partido Popular de Piñor "avala a decisión dos concelleiros electos de considerar lexítima a decisión que o Partido Popular ostentase a Alcadía do municipio, fundamentada na decisión do electorado entre ambas formacións e por ter unha estrutura capaz de acadar os recursos necesarios para os proxectos do concello de Piñor, o desenvolvemento e a dinamización do municipio", remarcan.