O Partido Popular observa falta de interés do alcalde por axilizar a tramitación de axudas pola crise e desconfia que todo podería quedarse en propaganda
O Partido Popular mostra a súa preocupación pola actitude do alcalde, ao entender que "na reunión mantida hoxe no Concello entre os distintos grupos políticos con representación no Concello, coa intención de concretar e facer propostas sobre cada unha das bases e convenios que fai falla ter aprobados para conseguir que os recursos cheguen con tempo e para que cada euro sexa efectivo no seu destino, detectouse claramente que o Goberno local non ten unha idea clara de como xestionar agora o reparto das axudas".
A impresión xeral que o portavoz do Partido Popular, Ricardo Perea, sacou desta xuntanza, é que o Alcalde Fumega "ten conceptos básicos confusos e equivocados de xestión, ten algunha idea que demostra que non está asesorado nin polo secretario nin polo interventor, e que as súas propostas, en síntese, son de moi difícil xestión por parte do persoal do Concello, o que pode provocar un gran retraso nas resolucións que son necesarias para poder facer os pagos aos solicitantes".
Entenden os Populares que "de seguir nesta postura por parte do alcalde conseguirá que a fin de ano non se de nin gastado esta primeira fase de axudas, ademais de bloquear o Concello administrativamente, polo que xa nos poderíamos ir esquecendo da comprometida segunda fase, xa que entendemos que se debe apostar por unhas bases áxiles, claras e de fácil xestión".
Aseveran que teñen a sensación de que o Alcalde "non ten nin moita urxencia nin moito interese por poñer a andar esta liña de axudas que aprobamos no pleno, para os veciños". E mesmo desconfian sobre as intencións do Grupo de Goberno en base ao "pasado pleno, no que se aprobaron axudas por 1.977.000€, se quede simplemente nun mero acto publicitario e propagandístico, e que a súa intención sexa que os cartos incorporados do remanente no orzamento sexan destinados para outros fins".
"Á reunión desta maña, o grupo Popular levaba propostas concretas para todas e cada unha das bases e convenios que se poderían poñer en aplicación inmediata, de forma que os afectados poderían acceder as axudas en menos de quince días. Pese a elo, hoxe, transcorrida xa unha semana desde a celebración do Pleno, parece que a chegada das axudas está cada día máis lonxe", subliñan os populares.
E conclúen manifestando que "o alcalde do Carballiño ten que demostrar de forma urxente que a postura do goberno local é a de que cheguen as axudas a autónomos, comerciantes, hostaleiros, familias e persoas vulnerables, e iso só se fai con traballo intenso e con ideas claras".