O Partido Popular pide ao concello que propoña dar o nome da científica carballiñesa Maria Teresa Miras Portugal ao IES nº 1

6, Xuño 2021

O grupo municipal do Partido Popular no Carballiño ven de presentar ante o Rexistro do Concello do Carballiño unha iniciativa para que o I.E.S. nº 1 do Carballiño pase a denominarse “I.E.S. María Teresa Miras Portugal”.

O pasado 27 de maio faleceu "unha das nosas veciñas máis ilustres, Dona María Teresa Miras Portugal, cuxos méritos no eido científico son coñecidos para toda a veciñanza. Compre agora subliñar, unicamente, que sendo a primeira muller electa para presidir unha Real Academia na historia do noso país, a de Farmacia, conservou sempre a súa relación coa nosa vila.
Dona María Teresa Miras reúne méritos máis que sobrados para obter o recoñecemento da veciñanza que a viu nacer e que presume de contala entre eles, e por iso non vamos agora a enumeralos",subliña o grupo popular nun comunicado dando conta desta proposta.

E Engade "queremos destacar que a figura de Dona María Teresa Miras debe servir de exemplo a futuras xeracións de carballiñeses, e especialmente as mulleres e a todos aqueles que desexen dedicarse o campo científico".

Por elo, consideran axeitado que dende o Concello se promova que o I.E.S. nº 1 do Carballiño leve o nome de tan destacada veciña "e que para acadar este obxectivo se leven a cabo todas as xestións que sexan precisas, propoñendo o cambio de denominación ao Consello escolar de este Centro".

Unha proposta que agardan "contará co apoio tanto da veciñanza como do Consello Escolar e que ademais servirá para poñer en valor unha figura senlleira da nosa vila, como modelo para a seguir pola xuventude actual e futura do Carballiño".

Por isto, o grupo municipal do Partido Popular no Carballiño, solicita ao Concello que se fagan as xestións precisas para que o I.E.S. nº 1 do Carballiño leve o nome de Dona MARÍA TERESA MIRAS PORTUGAL, propoñendo este cambio de denominación ao Consello Escolar do Centro e informando a veciñanza e as asociacións relacionadas coa cultura na nosa vila para que se poidan adherir a esta iniciativa.