O Partido Popular pide ao goberno no congreso que aclare cando vai autorizar os postos das pulpeiras na provincia
Os representantes populares no Congreso por Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, entenden que a nova fase de desescalada que agora se inicia debería ter tamén en conta a un sector de gran tradición na provincia como son as pulpeiras, excluídas do retorno á actividade dos negocios dedicados á restauración e hostalería.
Por esta razón rexistraron unha pregunta dirixida ao Goberno na que piden que aclare se ten previsto autorizar a instalación dos postos de venda de polbo na provincia.
Na súa interpelación ao executivo, Ana Vázquez e Celso Delgado sinalan que as pulpeiras, do mesmo xeito que outros moitos pequenos negocios, levan dous meses de inactividade, situación que está a provocar graves problemas económicos a un sector do que viven preto dun centenar de familias só na provincia de Ourense.
E, subliñan, cando se fala de familias debe entenderse a todos os membros, pois son numerosos os casos nos que todos os integrantes dun mesmo núcleo familiar dedícanse á venda de polbo.
Tendo en conta que desde o pasado 4 de maio abriron de novo as súas portas os servizos de restauración para levar comida a domicilio, os deputados ourensáns entenden que tamén debería incluírse á pulpeiras nesta desescalada, permitindo o seu regreso á rúas da capital, vilas e pobos da provincia, adoptando as medidas hixiénicas, sanitarias e de seguridade necesarias para preservar a saúde dos clientes e traballadores.