O Partido Socialista no Parlamento de Galicia impulsa unha iniciativa, que apoian os outros grupos, para que o Sergas cubra as dúas prazas de pediatría vacantes no centro de saúde do Carballiño.
O Grupo Socialista impulsa no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que se cubran as dúas prazas de pediatría do centro de saúde do Carballiño. Os e as socialistas critican a “falla de previsión” do goberno galego á hora de cubrir as prazas que quedaron vacantes por unha xubilación e un traslado xeográfico e amosan o seu “total” respaldo e apoio á veciñanza do Carballiño que está a demandar uns servizos dignos e xustos para as súas crianzas.
A iniciativa saíu adiante por unanimidade. A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega Otero, defendeu esta mañá na comisión de sanidade, política social e emprego unha proposición non de lei na que instan á Xunta a que, a través da consellería de sanidade, cubra ás dúas prazas de pediatría do centro de saúde do Carballiño. A parlamentaria socialista alertou de que a falla do servizo de pediatría durante as tardes e a ausencia deste especialista no servizo de urxencias “obriga aos pais e nais dun centro que atende a 27.000 persoas de 9 concellos e a case 2.500 crianzas a desprazarse ao servizo de urxencias do Hospital de Ourense, moitas veces colapsado, ou directamente optar pola sanidade privada”.
Ortega Otero aproveitou tamén a súa intervención para sinalar que “é preciso que o goberno galego acolla estas demandas que trasladan os veciños e veciñas do Carballiño para blindar os servizos de matrona, xinecoloxía e pediatría”. Explicou que estes servizos resultan “básicos para afianzar poboación nun dos principais núcleos con maior habitantes da provincia e remontar a grave crise demográfica que fai de Ourense unha das provincias co peor saldo vexetativo de España”.
“Escoiten á veciñanza que leva anos saíndo a rúa para reivindicar, non só que se cubran as prazas de pediatría, senón unha praza adicional de matrona ou a necesidade dunha maior cobertura da atención xinecolóxica e pediátrica”, afeoulle a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense ao Partido Popular. Marina Ortega fixo fincapé tamén na mobilización deste pasado domingo no Carballiño, na que asegurou que a veciñanza “saíu a rúa para reivindicar dende o respecto os dereitos dos nosos fillos e das nosas fillas. Un pobo unido por unha causa xusta e que crearon unha plataforma veciñal e recolleron firmas para reivindicar que se cubran as prazas de pediatría”.
Neste senso amosou o seu agradecemento pola mobilización do domingo, afirmando que “sen a loita dos pais e nais e da veciñanza do Carballiño non sería posible que se cubran as prazas”. Os e as socialistas subliñan que Carballiño é un dos núcleos máis importantes da provincia en termos de poboación, motivo polo que afirman que “é preciso que o goberno galego acolla estas demandas que a veciñanza está trasladando, para así garantir servizos públicos de calidade e dignos, que permitan tamén afianzar poboación”.