O Penedo de Xuvencos converterase na segunda aldea modelo de Galicia: recuperaránse 23 hectáreas para pradería e produción de cereais e castiñeiro
O núcleo do Penedo de Xuvencos, no concello de Boborás, converterase na segunda aldea modelo de Galicia, despois de Osmo (Cenlle).
A Consellería do Medio Rural vén de recibir as sinaturas dos seus veciños, grazas ao apoio da alcaldesa da localidade, Patricia Torres.
Neste caso, a iniciativa de aldea modelo, que promove a Xunta, ten por obxectivo recuperar as terras en abandono da contorna da aldea, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzando a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.
Esta actuación vai servir para recuperar unha superficie de arredor de 23 hectáreas no entorno do Penedo de Xuvencos, para destinalas a pradería e á produción de cereais e de castiñeiro. Actuaríase nun total de 675 parcelas de 132 propietarios.
Así, nesta aldea realizarase a limpeza e a recuperación da faixa dos 50 metros máis próxima aos núcleos de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas fronte o lume posto en marcha pola Xunta, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Ademais, o resto dos terreos ata o total da actuación (neste caso ata as 23 hectáreas), que pode acadar faixas de ata 150 metros, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc.
Ao mesmo tempo, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán como devasa natural fronte o lume, xa que serán os cultivos os actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.
Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.