O Polo de Emprendemento do Carballiño pecha un proxecto piloto en Galicia centrado no sector primario, o turismo e os coidados.
A Xunta vén de pechar senllos proxectos piloto nos Polos de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol e do Carballiño como preludio da aposta a prol da dinamización de sectores económicos estratéxicos que seguirá desenvolvendo neste ano 2025 no marco da Rede que conta con 15 centros operativos. Avogando pola revitalización de eidos como o da construción, o tecnolóxico ou o comercio no caso ferrolán; e do sector primario, o do turismo ou o dos coidados no do Carballiño, esta estratexia enmárcase nos 32 millóns de euros que investirá o Goberno galego neste exercicio para darlle un pulo ao emprendemento aliñado co territorio atraendo o talento de colectivos prioritarios.
En concreto, os proxectos piloto calibraron o nivel de necesidade por parte dos diferentes axentes das respectivas contornas dun traballo dinamizador arredor das distintas transicións en marcha, así como a aproximación diferente que se poida requirir en comarcas urbanas e rurais. Tamén buscaban capacitar as organizacións do territorio para este proceso de catalización do ecosistema local.
Así, ao abeiro das iniciativas en Ferrol e no Carballiño o obxectivo era avanzar cara a unha especialización intelixente desde a complexidade de cada territorio, centrándose en servizos esenciais para cada zona e apostando polo aproveitamento dos recursos propios coa prioritaria implicación dos axentes involucrados en beneficio da cidadanía.
Primeiras conclusións dos proxectos piloto
Os proxectos piloto que tiveron os Polos de Ferrol e do Carballiño como impulsores lograron unificar os axentes locais en senllas estratexias colaborativas de dinamización emprendedora que avogaron por respectar e potenciar a identidade de cada contorna como marca mirando sempre ao futuro económico de cada bisbarra.
Nesa liña, no caso de Ferrolterra púxose o foco na rehabilitación do corazón da cidade, no reimpulso do comercio local, na súa conexión co resto de territorio ou na súa proxección ás novas tecnoloxías enerxéticas. No do Carballiño, abordáronse os retos de integración e atracción de poboación ou de posta en valor dos recursos propios conectando sectores estratéxicos como o turismo e o agro.
Tras a realización dos pilotos, o obxectivo é seguir avanzando en diversas reunións dirixidas por ambos Polos, traballando na especialización intelixente que se persegue de cara a reflectir a esencia de cada lugar como marca con valor propio. Unha metodoloxía que se busca estender neste 2025 ao resto de centros que integran a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego establecida en Galicia no verán de 2021.
Balance da Rede
Desde a súa posta en marcha, a Rede de polos leva atendido máis de 3.000 proxectos empresariais, dos que preto de 500 se localizan na oficina ferrolá e case 200 na do Carballiño. Entre o total de iniciativas a nivel galego, destacan os servizos, seguidos do comercio e da hostalaría, representando un 7% delas negocios que buscan remuda.
Ás persoas emprendedoras que se achegaron á Rede de polos —un 59% delas, mulleres— prestáronselles preto de 8.400 titorías. Canto ás actividades, téñense realizado máis dun milleiro entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos da Rede.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinará neste 2025 máis de 32 millóns de euros a darlle un pulo ao emprendemento aliñado co territorio, a través da Rede de polos e atraendo o talento de colectivos prioritarios como a xente nova ou os galegos retornados, con especial apoio aos traballadores autónomos. Un investimento que terá lugar no ano no que Galicia ostentará o recoñecemento de Rexión emprendedora europea, unha distinción outorgada non só polo bo funcionamento da Rede senón tamén por outros proxectos de impulso emprendedor como as comunidades para atraer nómades dixitais ao rural galego.