O portavoz do PP no Irixo, Manuel Cerdeira denuncia ante a Garda Civil amenazas contra a súa persoa, tras lamentar que "se chegue a esta situación" derivada do entrontamento político que se vive no concello.

O portavoz do Partido Popular do Irixo, Manuel Cerdeira, presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil do Carballiño polas ameazas recibidas contra a súa persoa e recollidas nunha carta anónima enviada ao seu domicilio particular.
O portavoz popular decidiu dar este paso logo de recibir constantes ameazas e mesmo acusacións sobre aspectos estritamente relacionados coa súa vida persoal, situación que comezou en agosto de 2023 logo da presentación da moción de censura contra o goberno popular, apenas 50 días despois de que tomara posesión como alcalde.
A vinculación destas ameazas coa crise política que se vive no Concello do Irixo “é a razón da denuncia presentada”, manifestou o propio Manuel Cerdeira, que lamenta que se chegue a este tipo de situacións cando “máis aló das diferencias entre partidos nunca houbo problemas persoais entre os membros da corporación, fosen da formación que fosen”.
Así, para Cerdeira “cando se deixa a un lado a defensa dunhas ideas e se traspasa o límite persoal, iso xa non é política”. Manuel Cerdeira e os populares do Irixo expresan o seu cansanzo por soportar desde o inicio do mandato estes ataques, “pero chegou o momento de dicir basta e esixir que no se volvan a repetir”.