O PP de Boborás propón que se rebaixen os salarios a políticos e funcionarios e se retire o plus dos altos cargos, entre outras medidas, para enfrontarse á crise

11, Febreiro 2010

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Boborás, que lidera o Alcalde Cipriano Caamaño, presentará no vindeiro  Pleno ordinario que celebre a Corporación, unha moción na que propón un debate que pretende trasladar á vida pública e política, con distintas propostas de aforro e contención do gasto público para facer fronte á crise. Na moción, o Partido Popular de Boborás expón que "sendo conscientes da grave fractura existente entre a clase política, moi ben remunerada, e  a meirande parte da sociedade con dificultades para chegar a fin de mes, propoñemos o estudio e debate dunha série de medidas de aforro e austeridade no gasto". Entre esas medidas, estarían a retirada inmediata dos plus dos altos cargos das distintas administracións, a reducción á metade dos case 700 asesores que tén o goberno central, a disminución nun 5% dos salarios de todos os funcionarios e traballadores das empresas públicas, e dun 20% nos salarios do persoal de libre designación e dos cargos eléctos, Deputados, Senadores, Parlamentarios Autonómicos, Provinciais, Alcaldes e Concelleiros, quedando excluidos desta medida aqueles funcionarios, persoal e cargos electos mileuristas. Outras medidas que se propoñen, son a diminución dos privilexios dos altos cargos políticos, que con 7 anos no posto, teñen dereito á pensión máxima a efectos de xubilación, asi como a reducción á metade dos subvencións públicas ós partidos políticos e sindicatos. Finalmente, tamén se propón a adopción de medidas axeitadas para combater o fraude fiscal e as bolsas de diñeiro negro, un tratamento fiscal adecuado e fluidez no crédito a pequenas e medianas empresas, e un acordo urxente e consensuado para a reforma do mercado de traballo. As medidas expostas, aclara o grupo municipal de goberno do Concello de Boborás, "só pretenden xerar un debate entre a clase política para solucionar os gravísimos problemas que asolan ó País".  E subliña que con ese diñeiro podería "paliarse a situación dos sectores da  sociedade maís salvaxemente golpeados pola crise, esto é, parados, mozos, xublidados e dependentes".