O profesionais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais inician a desinfección exterior de residencias de maiores e centros de saúde

24, Marzo 2020

Para executar estes traballos, informa a Xunta, os efectivos contan coa debida formación para facelos e con todo o material de protección necesario para asistir con todas as garantías sanitarias, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias ao efecto.

Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ademais de desinfectar, establecerán contacto cos profesionais das residencias e reforzarán os seus protocolos de prevención.

A maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborarán nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.

En concreto, estes labores executaranos os traballadores que participen voluntariamente na iniciativa durante as súas quendas de traballo. Con todo, é sabido que a súa función principal e primordial é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Así mesmo, ademais de dedicarse á disuasión de posibles comportamentos incendiarios, entre as funcións adicionais que se lle poden encomendar nun futuro poderán ser as de colaborar coas autoridades no auxilio a persoas residentes en zonas remotas ou de difícil acceso, así como no transporte de produtos como víveres ou material sanitario a zonas do rural galego.

Non obstante, a Consellería do Medio Rural insiste en que sempre estará garantida a dispoñibilidade prioritaria destes profesionais para os labores de vixilancia e extinción de incendios forestais.