O PSdeG considera intolerable que o goberno do concello de Punxín prive á veciñanza de Vileva contar cun local social na casa reitoral da parroquia
O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que a actitude do grupo de goberno municipal, conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito, “é intolerable”, xa que tal e como relatan “están impedindo” que a veciñanza de Vilela conte cun local social. As socialistas relatan, que no pleno municipal celebrado na casa consistorial, o grupo de goberno “opúxose e votou en contra” da cesión “totalmente gratuíta” da Casa Reitoral de Vilela o que consideran un “atentado” contra a veciñanza e o patrimonio.
Dende o Grupo Municipal Socialista de Punxín apuntan a que o pleno municipal “foi tenso” e explican a súa “sorpresa” coa actitude do grupo de goberno, que decidiu “ir en contra da vontade da veciñanza” e non renovar o convenio que mantén o Concello coa Diocese de Ourense para a cesión da Casa Reitoral de Vilela ao consistorio. As concelleiras socialistas resaltan que “se trata do único local social que dispón a veciñanza desta parroquia e que de golpe e porrazo o alcalde decide deixar aos veciños e veciñas sen un lugar de reunión e no que realizan actividades”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, destaca que esta é unha situación “incomprensible” e apunta a que “non entendemos que un goberno municipal se opoña a un convenio de cesión dunha propiedade de xeito totalmente gratuíto para uso e desfrute da veciñanza”. A edil socialista tamén afirma que as alegacións que fai o alcalde “cando afirma que non está de acordo coas condicións, non son entendibles, e máis cando non ten ningunha predisposición de negocialas”.
Peleteiro Vázquez afirma que no pleno celebrado o mércores en Punxín “quedou claro que o goberno municipal non ten ningunha intención de renovar este convenio, nin con estas condicións, nin con outras, xa que non aclararon a súa postura para tomar esta decisión en ningún momento”. A voceira socialistas esíxelle ao alcalde e o seu grupo que “se despracen ata Vilela e lle expliquen á veciñanza porque os privan dun local social no que viñan desenvolvendo diferentes actividades e que servía de punto de encontro”.
Así mesmo, as concelleiras socialistas consideran que a situación “é surrealista”, xa que tal e como argumentan “discriminan a poboación de Vilela, a que non só privan dun local, senón tamén dos seus dereitos”. Neste senso, as concelleiras socialistas pregúntanse se “estaremos ante un caso no que o alcalde pretende eliminar servizos nunha aldea da que cabe recordar é natural a voceira socialista”.
Dende o PSdeG-PSOE de Punxín lembran que a Reitoral de Vilela “é a única do Concello que se conserva en bo estado, e na que se realizaron investimentos de grandes cantidades por parte da administración pública e dos gobernos municipais de todas as cores políticas, e agora que o custe de mantemento é mínimo, o goberno municipal decide outorgarlla a diocese, sen saber o motivo”. As concelleiras socialistas lembran tamén que o actual alcalde, Manuel Vázquez, “leva 10 anos ao fronte do Concello sen gastar nin un só euro nesta casa reitoral, polo que alegar que o mantemento é moi caro, non é máis que unha escusa sen credibilidade algunha”.
Dende o PSOE de Punxín piden o grupo de goberno que “rectifique” nesta decisión, e que no caso de ser necesario, “negocie unhas novas condicións”. As socialistas tamén lle piden ao PP que “poña fin ao desmantelamento de servizos públicos en Punxín e remate cos intereses espurios que parece que son os que están a decidir o presente e futuro do noso municipio”.