O PSdeG de Punxín presenta unha iniciativa no concello para que se axilice a posta en marcha do transporte metropolitano
O PSdeG-PSOE de Punxín presenta unha moción na que insta ao bigoberno municipal do PP e CxG a que amosen o seu “total” apoio e respaldo á posta en marcha do tan “agardado” transporte metropolitano. As e os socialistas piden que dende o consistorio se impulse o transporte metropolitano “dunha vez por todas”, a través do contacto coas distintas administracións implicadas na posta en funcionamento do mesmo.
Dende o grupo municipal socialista de Punxín explican que os concellos da área metropolitana de Ourense, entre os que se atopa Punxín, “levan máis de 25 anos agardando pola chegada do transporte metropolitano”. As concelleiras socialistas apuntan a que no mes de decembro, na véspera das eleccións, “asistimos a un novo anuncio electoral do PP, no que o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, se comprometía a apoiar un plan que prolongase as liñas da cidade cos concellos limítrofes”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que a posta en marcha do transporte metropolitano “é unha cuestión de vital importancia”, xa que tal e como apunta “facilitaría as comunicacións e a mobilidade, permitiría asentar poboación no rural, frear a grave crise demográfica e mellorar a calidade de vida da veciñanza de Punxín, evitando que o noso municipio siga esmorecendo”. A edil socialista considera que a posta en marcha deste servizo “suporía un revulsivo para que a xente aposte e se decida a vivir en Punxín”.
“Na última década foron varios os convenios que se firmaron coa Xunta de Galicia para a posta en marcha do transporte metropolitano, pero a día de hoxe seguimos agardando que se impulse de forma real e non obtivemos ningún tipo de avance”, denuncia Peleteiro Vázquez. A voceira socialista considera tamén que “o desleixo e abandono por parte da Xunta padecémolo os concellos, pero tamén a veciñanza”, motivo polo que urxe ao concello que “se poña as pilas e reclame o que Punxín tanto precisa”.
O PSdeG-PSOE de Punxín aposta por un transporte “público de calidade, que ofreza un servizo adaptado á realidade e necesidades da cidade de Ourense, de Punxín e dos municipios da súa contorna, a un custo razoable, garantindo así a cohesión territorial arredor da capital, mellorando as conexións, facilitando os desprazamentos e diminuíndo a contaminación e pegada de carbono inherentes ao uso dos vehículos particulares”.