O PSdeG pide a protección dos lienzos da Semana Santa de Beade. Trátase dun ben patrimonial que data do século XVIII.

27, Marzo 2025

O PSdeG-PSOE de Beade insta ao goberno municipal do Partido Popular a protexer e conservar correctamente os lenzos do denominado Monumento á Semana Santa de Beade. Un conxunto artístico que data do século XVIII e que durante anos foi colocado na igrexa de Santa María, pero tras décadas gardado, volveuse a expor o pasado ano durante a Semana Santa.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que no último pleno municipal celebrado esta mesma semana propuxeron a firma dun convenio entre o concello de Beade, a consellería de Cultura e o bispado de Ourense con fin de “protexer os lenzos e madeiras, namentres se expoñan durante a Semana Santa”. Tal e como explican as e os socialistas “o monumento atópase moi deteriorado tralo paso dos anos e precisa dunha correcta montaxe e da presencia de expertos para realizar a mesma”.

O ano pasado o monumento foi instalado coa axuda da veciñanza, pero neste 2025, dende o PSOE de Beade piden que sexan os técnicos da Rede Galega de Museos da Xunta, os que se encarguen da montaxe. Neste senso explican que “podería empregarse aos técnicos e restauradores do museo Etnolóxico de Ribadavia, do Arqueolóxico de Ourense ou do de Peregrinacións de Compostela, que son os máis próximos a Beade e dependen da Xunta de Galicia”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, deixa claro que “as e os socialistas de Beade non nos opoñemos á exposición dos lenzos, pero pedimos que se faga con garantías para un mellor coidado cara o patrimonio”. Tal e como relata a concelleira socialista “o concello non ten persoal cualificado e o pasado ano contou coa inestimable colaboración da veciñanza, polo que propuxemos a firma do convenio e que sexan profesionais os que se encarguen da montaxe e desmontaxe do monumento nesta e en vindeiras ocasións”.

Tal e como explica Rama Cotelo, a proposta foi feita durante unha sesión plenaria por parte do grupo municipal socialista, “o alcalde aceptouna e prometeu iniciar a xestión coa Xefatura Territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Ourense mediante unha chamada telefónica”. A voceira socialista considera que “estamos ante unha peza artística única e cunha singularidade especial” e lembra que existe un estudo realizado por Fernando González Suárez, profesor do instituto Otero Pedrayo e que formou parte do grupo Francisco Moure sobre o monumento.

O PSOE de Beade considera “imprescindible” tamén restaurar esta peza, xa que tal e como explican “o estado de conservación non é bo, pero a maior parte das pinturas seguen permanecendo nos lenzos”. Ademais insisten en que a proposta “suporía un coste mínimo, pois só habería que abonar os gastos de desprazamento e manutención dos traballadores da Xunta”.