O PSdeG-PSOE de Punxín insta ao goberno municipal á execución dun plan de desbroce e prevención de incendios para protexer aos núcleos do municipio.
O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal de maio no que insta ao concello á creación dun plan de desbroce e prevención de lumes, previo á tempada de altas temperaturas. As e os socialistas tamén esixen que se mellore a seguridade nesta materia nos núcleos de poboación para que a veciñanza poida sentirse segura.
Dende o grupo municipal socialista de Punxín explican que a veciñanza “ten unha gran preocupación nestes momentos, debido a situación de abandono na que se atopa o municipio en materia de prevención de lumes”. Tal e como explican as concelleiras e os concelleiros do PSdeG-PSOE “a situación é límite, ante a falta de prevención, o que supón un grave perigo e risco para as vivendas e as persoas en caso de incendio e coincidindo co aumento das temperaturas”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, subliña que os e as socialistas “non nos resignamos ante a situación de abandono e temos claro que o concello debe apostar por un plan de prevención, tendo un papel fundamental na loita contra os lumes”. A concelleira socialista pon de manifesto que “a día de hoxe, a pouco de comezar a tempada de verán e con ela o aumento do risco de incendios, o noso concello non se atopa en condicións de afrontar dita situación”. Tal e como relata “a maleza está presente tanto en espazos públicos como en propiedades privadas, o que supón un grave risco en caso de incendio”.
Peleteiro Vázquez amósase “moi crítica” coas declaracións feitas pola nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que afirmou fai uns días que a intencionalidade dos incendios forestais “vai no ADN dos galegos e das galegas”. A voceira do PSOE en Punxín considera “inaceptables” estas declaracións e afirma que “denotan resignación e acomodamento, ademais de provocar unha fonda preocupación entre a veciñanza”.
Dende o Grupo Municipal Socialista de Punxín destacan que “nós non nos resignamos, nin pensamos que os incendios estean ligados ao ADN de Galicia”. As concelleiras e concelleiros do PSOE afirman que “temos claro que hai solución para reducir os incendios forestais e esta pasa pola prevención e porque o concello teña unha papel chave”. Esixen que se remate con 15 anos de recortes en materia de prevención e extinción contra os lumes e se establece un modelo de loita “único, con persoal profesional, formado e equipado”.