O PSdeG-PSOE demanda da Deputación, Xunta e Confederación Hidrográfica axudas aos concellos afectados polas riadas
O PSdeG-PSOE reclamou hoxe desde a zona cero da Arnoia, a implicación da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia na reparación dos danos causados polas inundacións e os corrementos de terras das últimas semanas. Como xa anunciaran o pasado 3 de xaneiro, os e as socialistas piden, mediante unha iniciativa que se votará no pleno provincial de xaneiro, a colaboración da institución cos concellos, xa que moitas destas entidades locais son incapaces de asumir unha desfeita deste calibre.
Concretamente, piden ao goberno de Baltar “fondos económicos para a colaboración cos concellos”, para a “reparación de infraestruturas como estradas, pontes ou camiños, así como para a restauración de edificacións, construcións ou instalacións de calquera tipo”. Tamén demandan “material e equipamento” para reparar os danos e para a “protección e seguridade de lugares en risco de sufrir episodios similares no futuro”. Igualmente esixen “colaboración loxística”, ofrecendo os seus vehículos e maquinaria.
A limpeza e mantemento de ríos e zonas próximas, segundo o acervo normativo español, corresponde ás entidades locais. Tamén é responsabilidade de seu a restauración da normalidade no caso destas emerxencias. Pero a inmensa maioría delas carecen de capacidade económica e loxística para afrontar en soidade estes traballos. A día de hoxe e a pesar do seu deber legal de cooperación, a deputación non ofreceu motu proprio acción algunha e por iso o PSdeG-PSOE desprazouse ata a área recreativa das Poldras (A Arnoia), para comprobar os destrozos, acompañados de edís deste municipio.
Axuda da Confederación Hidrográfica
O vicevoceiro, Nacho Gómez, asegurou que “non tería que ser o grupo socialista quen tivera que facer esta proposta porque é obvio” que a Deputación ten que axudar, pero “o presidente, en vez de facer fotos e cuestións que non axudan en nada aos concellos, se adicou a mirar cara outro lado”.
“Pedimos que todas as institucións asuman as súas responsabilidades”, destacou o deputado ourensán porque “necesitamos axudas dos que teñen os cartos” e por iso anunciou que, logo dunha solicitude do PSdeG-PSOE da Arnoia, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil visitará a zona afectada. “Nós somos responsables como para entender que todas as administracións públicas teñen que botar unha man”, insistiu antes de remachar que “non por ser dunha ou doutra cor política imos dicir o contrario”.
O edil no Concello da Arnoia, Emilio Alberte, sinalou que no seu municipio hai dúas áreas moi afectadas, polo que piden a todos os organismos –Xunta, Deputación e Confederación Hidrográfica– que “se mollen” porque estamos ante “un problema bastante gordo para o pobo”. O concelleiro puxo como exemplo que, no caso da área das Poldras, os traballadores e agricultores que, ata o de agora, empregaban a ponte arrasada, teñen que dar un rodeo de tres quilómetros para chegar ata os seus terreos. “É un problema bastante grave”, destacou.
Estes temporais deixaron múltiples danos na Arnoia, Baños de Molgas, Allariz, O Carballiño ou Ribadavia. “Resulta inaceptable a pasividade do goberno provincial ante esta situación extraordinaria, a pesar da petición pública de axuda e do clamor”, insisten desde o Grupo Socialista antes de denunciar que “polo de agora, Baltar só demostrou unha total falta de liderado e unha ausencia de compromiso coa veciñanza”. “Non podemos permitir que queden abandonados a súa sorte e por iso damos este paso a fronte”, resaltaron.
Situación de emerxencia de interese galego
Os e as socialistas ourensáns tamén reclaman á Xunta que declare a ‘situación de emerxencia de interese galego’, é dicir, a figura legal que ampara o reparto de axudas directas á veciñanza e aos concellos. “Concorren absolutamente todos os requisitos establecidos na Lei de Emerxencias de Galicia, para que o Consello da Xunta aprobe esta emerxencia e habilite as modificacións orzamentarias necesarias para afrontar unha necesidade económica que debería ser prioritaria”, destacan.
Igualmente resaltan que a Xunta de Alfonso Rueda debe aprobar de inmediato o decreto para establecer os criterios de reparto, evitando así que se fagan a dedo, como xa ten sucedido en ocasións anteriores. Estamos ante “unha desfeita de calado” que “cómpre emendar canto antes” e que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia “nin deben nin poden ignorar”.