O PSdeG-PSOE denuncia "a política de derrubamento da Xunta coa sanidade galega", Fumega e Villarino reclamaron melloras para o Centro de Saúde do Carballiño e un plan sanitario específico para a provincia de Ourense.
Desde O Carballiño "onde decenas de familias están a reclamar profesionais especializados para atención sanitaria da veciñanza" deputados e deputadas provinciais xunto ao alcalde, esixiron esta mañá á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial compromisos claros e fondos dabondo para “frear de inmediato o derrubamento controlado” do sistema público de saúde.
Concretamente, nunha iniciativa no próximo pleno provincial, pedirán á Xunta a elaboración e aprobación dun plan sanitario específico para a provincia, que permita reverter a preocupante situación da sanidade, suprimindo as decisións economicistas que están a precarizar a atención primaria e a colapsar as urxencias hospitalarias pola falta de medios humanos e materiais; a pechar unidades de hospitalización ou a desmantelar servizos especializados que acaban sendo tratados noutras provincias. Igualmente reclamarán unha xerencia específica de atención primaria na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín, e O Barco de Valdeorras, que inclúa recursos económicos e autonomía de xestión dabondo, para acadar unha administración máis eficiente e adaptada ás peculiaridades dos ambulatorios e centros da nosa provincia.
Os socialistas tamén esixirán a mellora global de recursos, coa incorporación progresiva de profesionais comezando polas especialidades con menor taxa de cobertura e maiores listas de agarda. Tamén queren rematar coa avultada eventualidade dos profesionais contratados abusivamente de maneira descontinua, dotándoos de estabilidade. Así mesmo demandan garantir por lei un máximo de 48 horas para ser atendido en atención primaria, así como convocar todas as prazas vacantes neste nivel básico, co fin de garantir a continuidade do servizo. Ás portas do centro de saúde carballinés, o voceiro provincial, Rafa Villarino, denunciou que a Xunta está a levar a cabo unha “política de desmantelamento na sanidade galega”, que pon en perigo o acceso universal, xa que “na tarxeta sanitaria non figura o noso patrimonio”, un logro do Estado do Benestar ao “permitir a construción dunha clase media robusta que non ter que facer fronte a uns gastos médicos inasumibles”. Villarino insistiu en que a falta de investimento e a precariedade na contratación, está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria.
Desde o PSdeG-PSOE resaltan que as políticas da Xunta nos últimos 14 anos supuxeron unha perda de empregos e unha preocupante minoración da calidade dos servizos. No caso concreto da provincia de Ourense, un 25 % dos médicos e médicas que están colexiados poderán xubilarse durante o próximos cinco anos, o que pon de manifesto un grave problema, xa que sen persoal suficiente, non hai servizo posible. “Na atención primaria ourensá ata 135 facultativos e facultativas poderán xubilarse no próximo lustro”, advirten con fonda preocupación.
Pola súa banda, o rexedor da vila, Francisco Fumega, explicou como reclama “desde hai tempo” a solución a problemas manifestados pola veciñanza e polos propios traballadores e traballadoras do centro de saúde, como son a falta de atención pediátrica en urxencias; a imperante necesidade dunha segunda matrona; a recuperación total da atención presencial ou o incremento do servizo de xinecoloxía, xa que, na actualidade, só se presta unha xornada cada semana. Fumega tamén anunciou un inminente encontro co xerente da área sanitaria para tratar estas demandas.
“O sistema sanitario é unha roda que non está a funcionar”, resaltaron, xa que a atención primaria non funciona ben pola evidente falta de recursos, o que deriva en colapsos dos servizos de urxencias, provocando á súa vez un aumento dos ingresos hospitalarios e das listas de agarda. “Este carrusel de problemas creado polo empecinamento da Xunta en levar a cabo un esmagamento de servizos e profesionais, é ben coñecido na nosa provincia”, sinalaron os e as socialistas desde o ambulatorio do Carballiño.
“Os datos son tremendamente reveladores e destapan un derrubamento deliberado do sistema público, co obxectivo de deixar un solar no que o sector privado poida edificar”, concluíron desde o grupo provincial tras sinalar que “con cifras así é imposible prestar un servizo áxil e universal no Carballiño e calquera dos municipios ourensáns con problemas similares, “a pesar do enorme esforzo dos e das profesionais, xa que as eivas do sistema, derivadas desa política negacionista da Xunta, son demasiado grandes”.