O PSdeG-PSOE destaca que a internacionalidade da Festa do Pulpo “é unha oportunidade única para atraer máis visitantes a nosa provincia e potenciar o turismo de interior de Galicia”
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o “importante” pulo levado a cabo polo Concello de O Carballiño e a Secretaría de Turismo do Goberno de España para que a Festa do Polbo pase a ser de Interese Turístico Internacional. Os e as socialistas salientan que con esta declaración “potenciarase” unha das festas de maior relevancia da provincia, “atraendo” un maior número de visitantes e dando “maior visibilidade” ao traballo dos carballiñeses e carballiñesas por potenciar esta cita cultural, festiva e gastronómica.
A Festa do Polbo que chegará neste ano a súa 60ª edición, vense celebrando o segundo domingo de agosto dende 1962 e atrae cada ano a máis e máis persoas a vila do Carballiño. Cabe lembrar que en 2012, xa foi declarada como Festa de Interese Turístico Nacional, por parte do Ministerio de Industria e coa declaración Internacional “potenciase aínda máis unha festa de gran relevancia no municipio, na comarca e na provincia”. Foi este mes de abril, cando o goberno municipal encabezado polo socialista, Paco Fumega, presentou a solicitude ao Goberno central, que finalmente apostou por concederlla. O deputado no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás, salienta que con esta declaración “potenciamos non só a vila do Carballiño, senón a provincia de Ourense, dándolle maior visibilidade a nivel internacional e promocionando a nosa cultura e gastronomía, que son únicas, por todo o mundo”.
O parlamentario ourensán, que exerce como voceiro da Comisión de Industria, Comercio e Turismo dende febreiro de 2020, tamén pon de manifesto que esta declaración “é unha oportunidade única para atraer un maior número de visitantes a nosa provincia, potenciar o turismo de interior e pór en valor o rural ourensán e o interior de Galicia”. Pérez Abellás destaca que para esta concesión “tívose en conta non só o interese real dende o punto de vista do turismo, senón tamén a antigüidade da celebración, a súa continuidade ao longo do tempo, na que se celebrou de forma interrompida, ou o arraigo da Festa do Polbo entre a sociedade, e que se pode comprobar ano tras ano cos milleiros de persoas que se desprazan ata O Carballiño para desfrutar desta cita marcada en vermello no calendario de festas e celebracións da provincia”.
Un feito que para o parlamentario socialista “é histórico e amosa o compromiso que o Goberno central, encabezado polo PSOE ten coa nosa provincia”. A Festa do Polbo convértese na segunda de recoñecemento internacional, tralo Entroido de Xinzo e os deputados e deputadas do PSdeG-PSOE de Ourense seguirán traballando para acadar novos recoñecementos para a provincia no futuro. “Temos que seguir remando por impulsar Ourense e as súas citas gastronómicas, culturais e festivas como un reclamo para potenciar o turismo na nosa terra”, destacan os parlamentarios Adolfo Pérez Abellás, Uxía Tizón e Miguel Bautista.