O PSdeG-PSOE insta á Xunta a crear "con urxencia" unha Unidade de Ictus no CHUO e mellorar o transporte sanitario dos pacientes na provincia
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentará unha moción nos concellos na que insta á Xunta de Galicia e ao SERGAS a crear, con “urxencia”, unha unidade de ictus no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO). Os socialistas tamén piden os apoios dos grupos políticos para instar á Xunta de Galicia e ao SERGAS a mellorar o transporte sanitario urxente dos pacientes sitos na xeografía de Ourense e con sospeita de ictus ao CHUO, para que accedan á futura unidade de ictus en menos dunha hora dende calquera punto da provincia.
Dende o PSdeG-PSOE destacan que “é de xustiza que Ourense conte cunha unidade de atención ao ictus”, xa que tal e como apuntan “Pontevedra conta cunha unidade, A Coruña con dúas e en Lugo teñen unha unidade de atención permanente, cun neurólogo especializado que atende as 24 horas ao día, os 365 días do ano”. Neste senso, os e as socialistas argumentan que a provincia precisa dunha unidade “polo noso tipo de poboación, principalmente envellecida, e tamén pola dispersión xeográfica” e afirman que “Lugo loitou durante moito tempo por esta unidade e finalmente conseguiuna, polo que creemos que Ourense non pode ser menos”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destaca que “nós pedimos para a nosa provincia que por fin contemos con esta unidade de ictus, que necesitamos por xustiza e porque as consecuencias sociais e de saúde a que da lugar así o recomendan”. O líder dos socialistas ourensáns lembra tamén que os especialistas “piden esta unidade constantemente, pero nin a Xunta, nin o SERGAS se decidiron a levar a cabo unha medida de vital importancia para Ourense e as súas xentes”.
Villarino destaca que ante este “desleixo” por parte do goberno galego, os e as socialistas “movemos ficha e decidimos presentar unha moción na que pedimos que se cree esta unidade en Ourense e tamén un transporte sanitario urxente, que permita que en menos dunha hora, todas aquelas persoas que sexan sospeitosas de padecer un ictus poidan chegar a tempo para curarse e restablecerse o máis rápido posible”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que as enfermidades cerebro vasculares, e nomeadamente o ictus, “son as principais causas de mortalidade”. Unha mortalidade, que segundo afirman, “aumenta co paso dos anos” e que despois dos 55 anos “cada década que pasa, multiplícase por 2 a posibilidade de ter un ictus”. Neste senso explican que unha provincia como a de Ourense que “é unha das máis envellecidas de España e Europa, fai que aumente o risco e a gravidade, xa que o ictus non só xera mortalidade, senón tamén morbilidade”. Os e as socialistas subliñan que “é unha das principais causas de incapacidade, que afecta particularmente as persoas maiores, que son maioría na provincia de Ourense”.