O PSdeG-PSOE manifesta que o goberno municipal de Leiro "evita de forma intencionada as funcións de control e fiscalización do secretario-interventor do concello".
O PSdeG-PSOE de Leiro vota en contra dos orzamentos municipais aprobados polo Partido Popular no último pleno, ao considerar que presentan numerosas “irregularidades” e ante a falta de aclaracións por parte do goberno municipal, encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández. Consideran que o rexedor impediu, de “forma manifesta”, a fiscalización dos orzamentos por parte do interventor, situación, que segundo sinalan, “é de máxima gravidade”.
Os e as socialistas de Leiro critican, que unha vez consultados os informes do secretario-interventor, puideron comprobar que o concello “non cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, nin co obxectivo da regra de gasto, nin a liquidación do orzamento xeral do exercicio 2022, coa limitación establecida pola lei no relativo á estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”. Ante esta situación, dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran “necesario” a aclaración dos distintos aspectos contidos en ditos informes, xa que tal e como apuntan “ao noso entender, refléxase un considerable incumprimento dos principios que afastan a xestión do concello e as súas contas dos principios de imaxe fiel e axustada á realidade económica e financeira esixida polas normas vixentes”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, queda de manifesto que o alcalde e o seu equipo de goberno “evitou de forma intencionada as funcións de control e fiscalización do secretario-interventor, en detrimento da eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos de todos e todas e a favor dos seus intereses personalistas”.
Neste senso tamén apunta que “o risco e a responsabilidade recae directamente sobre o alcalde e o seu grupo de goberno”. O PSdeG-PSOE de Leiro tamén pon o foco sobre o informe de “resolucións emitidas”, no que se recollen 380 facturas, que conteñen, maioritariamente, contido non inventariable ou periódico, “polo que a función de control e fiscalizadora do secretario interventor limítase a súa función de contabilización”, sinala Rodríguez Vázquez. “As 380 facturas suman un total aproximado de 170.000 euros, das cales 339 corresponden a gastos de electricidade e subminístroos por importe de 61.139,63 € e as restantes 2 facturas suman un total de 83.833,09 €, polo que nos resulta evidente que a función de control e fiscalización do interventor é practicamente testimonial”, explica o voceiro socialista.
Os e as socialistas poñen como exemplo do “baleirado de contido” da función de control e fiscalización da figura do interventor, a privatización do servizo da auga e a delegación de competencias municipais a mancomunidade do Ribeiro. Neste senso afirman que á veciñanza “cuadriplicáronselle as taxas da auga dende o 2005 e sen realizar a pertinente actualización do IPC correspondente aínda a día de hoxe”. Outro exemplo é o funcionamento das 14 fosas sépticas do concello que deben limparse dúas veces ao ano, e segundo os e as socialistas “atopámonos que o alcalde négase a facilitar os partes de baleirado e limpeza das mesmas por parte da empresa concesionaria”.
Neste senso, Manuel Rodríguez afirma que “o alcalde sabe que as fosas non se limpan nin tan sequera unha vez ao ano, namentres a empresa, dende o ano 2015, cobra 7.000 euros cada ano, máis o IPC, por non cumprir o contrato”. Dende o PSOE de Leiro tamén poñen o foco nos 77.092,13 euros que o concello paga polo servizo de recollida e lixo; os 44.403,09 € que se pagaron polo servizo de recadación no 2022, cando en 2017 o custe do servizo para o concello foi de 19.054,21 €. “Tanto estas cuestións económicas, como outras cuestións técnicas e legais, foron elevadas polos concelleiros socialistas na mancomunidade do Ribeiro ao Consello de Contas”, explica Manuel Rodríguez, quen finaliza afirmando que “ o Consello de Constas incluíu a fiscalización das contas da mancomunidade ao considerar suficientemente motivada a argumentación e documentación que presentamos os e as socialistas”.