O PSdG critica a falla de previsión do concello na festa do pulpo ante o anuncio de chuvia
O Grupo Municipal Socialista do Carballiño láiase das malas condicións meteorolóxicas do pasado domingo, durante a celebración da LII Festa do Pulpo, pero sobre todo "láiase da falla de previsión do alcalde e o seu grupo de goberno, que non foron capaces de buscar unha alternativa ante a posibilidade de choiva. Esta actitude só se pode cualificar cunha palabra: deixadez".
Recordan comoa as máis de mil persoas que ocuparon o recinto oficial do concello no Parque Municipal tiveron que permanecer máis de tres horas baixo unha chuvia persistente que só se puido mitigar con impermeables e paraugas, califican a situación como "unha auténtica vergoña que a xente que pagou a súa tarxeta para xantar no recinto tivese que facelo baixo a chuvia".
Por isto -engaden- "a imaxe que se ofreceu do que é sen dúbida unha das festas gastronómicas de máis sona de Galicia, foi deplorable. E o é máis aínda se temos en conta que nesta edición o concello contaba cunha subvención de 25.000 euros da Xunta de Galicia".
Neste senso, recordan que hai anos xa sucedera unha situación semellante, que se solventou montando un sistema de carpas na Avenida do Arenteiro, a tan só cen metros do recinto oficial.
Aseguran que "tanto o servizo meteorolóxico de Galicia como o Estatal pronosticaban con moita antelación unha probabilidade do 100% de chuvia durante todo o día do domingo, nin o alcalde nin o seu grupo de goberno foron quen de buscar unha alternativa que dise colleito aos convidados e persoas que adquiriron as súas tarxetas para asistir ao xantar".
Os asistentes á Festa do Pulpo "estiveron á altura, non así os gobernantes do Concello do Carballiño, que volveron a evidenciar a súa deixadez e o pasotismo máis absoluto, xa que nin sequera foron capaces de ter un mínimo de previsión nun dos eventos festivos máis destacados da nosa vila", concluen dende o PSdG.