O PSdG critica o estado de conservación dos espazos públicos e lamenta a "mala imaxe para o turismo"
Poñen como exemplo da "nula preocupacion do goberno municipal" o estado no que se atopa o parque.
“Para unha vila con proxección turística e que conta cunha infraestrutura hoteleira e hostaleira considerable, a imaxe que se ofrece nesta Semana Santa non se corresponde nin moito menos coa que se debería dar, e isto só ten un responsable: o goberno municipal presidido por Argimiro Marnotes, que leva tempo dedicándose ao seus asuntos xudiciais en vez de preocuparse polos veciños e o seu pobo”, afirman os socialistas.
Apuntan que o Concello debería esforzarse por atraer ao turismo en épocas como a Semana Santa, e como mínimo manter en bo estado as zonas de maior interese. “É unha mágoa que un patrimonio tan salientable como os case 500.000 metros cadrados do parque municipal, da piscifactoría e do parque etnográfico estean esquecidos e abandonados polo goberno municipal”, engaden.
Sinalan que no parque “a herba e a maleza medran ao seu antollo, hai troncos e ramas rotas por todas partes, e os camiños e sendeiros están intransitables”.
Insisten en que a despreocupación do goberno municipal chega ata tal extremo que incluso as fontes do casco urbano, así como a da explanada do parque, presentan un estado deplorable, cheas de cristais, botellas rotas, latas, pedras e suciedade.
Tamén critican o mal estado do mobiliario, fundamentalmente do da zona de xogos infantís do parque “que están tan deteriorados e sucios que os pais e nais xa non poden utilizar esta zona de esparcimento para levar aos cativos”.
A mala conservación das zonas verdes e espazos públicos non só afecta aos cidadáns, senón que calquera turista que nestes días visitase O Carballiño “levaría unha imaxe desastrosa, con rúas cheas de fochancas e espazos naturais invadidos pola maleza, sucios e deteriorados, e todo pola desidia e desinterese do goberno municipal do PP”.
Por elo, esixen a Marnotes “que en lugar de ocuparse de cousas que só a el lle interesan, se preocupe polo que é patrimonio de todos os cidadáns e proceda a limpar e acondicionar o parque e o seu entorno, algo que xa tiña que ter feito antes da Semana Santa”.
“Non é lóxico que coa situación económica actual, coa taxa de desemprego máis elevada dende que hai rexistro do paro, o goberno municipal non se preocupe por reforzar o atractivo turístico do Carballiño e dinamizar así a economía, a hostalería e o comercio cando tanta falla fai”, rematan.