O PSdG critica a xestión cultural do concello
Os socialistas lamentan a “absoluta desidia amosada polo concelleiro” que non tramitou unha subvención autonómica para as Xociviga.
O PSdG refírese ao titular do departamento municipal de cultura, Rodrigo González,quen nunha entrevista recente nun medio de comunicación recoñecía que a convocatoria de axudas lles collera “un pouco fora de xogo” por publicarse o 31 de decembro e que non se enteraron ata o 7 de xaneiro.
“Estas declaracións amosan o escaso interese do responsable da área de cultura polas actividades culturais dese pobo, xa que tarda unha semana en coñecer a convocatoria de axudas”, sinalan.
Nesta mesma entrevista, recalcan dende o Partido Socialista tamén manifestaba o concelleiro que “había un proxecto feito, pero que finalmente non se presentou porque un dos puntos da orde de axudas especificaba que non se podía subcontratar”. Os socialistas critican que este sexa o motivo para renunciar a unha subvención xa que podería cambiarse o esquema de organización se o concelleiro se preocupase en coñecer con tempo suficiente a convocatoria.
“Parece que ao Concello do Carballiño lle sobrasen os cartos para deixar escapar así as subvencións” critican os socialistas, á vez que lamentan que “en lugar de tentar reforzar esta actividade e atraer máis xente, a área de cultura demostra que lle da igual, que non ten ningún interese”.
Por elo, os socialistas consideran que “dentro do descontrol, o caos e a desidia que impera no Concello do Carballiño, a Concellería de Cultura é o paradigma”, o que se reflicte tamén “no descontento e na preocupación dos colectivos culturais ante o desinterese que amosa o grupo de goberno por eles e polas súas actividades”.
“O Concello só se dedica a subir taxas para recadar máis, pero non fai investimentos nin melloras para O Carballiño”. Mentres, “temos un alcalde máis preocupado en resolver cuestións persoais relacionadas coa Xustiza que en defender a cultura, os servizos públicos e a calidade de vida dos cidadáns”.
O mesmo desinterese - prosiguen os socialistas nas súas criticias, "é o que amosa o Concello coa Biblioteca Municipal, que leva tres meses practicamente pechada á espera de cubrir a praza de bibliotecario". Unha situación “vergoñenta” para O Carballiño que merece “un servizo bibliotecario en condicións, cun horario axustado ás necesidades dos usuarios e cunha inversión axeitada en modernización e actualización de fondos, e, como mínimo, un servizo de atención ao público”.
Lembran tamén as queixas dos usuarios polo mal estado das instalacións, con humidade, goteiras, mal funcionamento da Wi-fi, falla de fondos bibliográficos e por enriba, cun sistema de calefacción que durante meses estivo estragado.