O PSOE afirma que "a xustiza deulle un portazo na cara ao alcalde de Leiro no seu intento de coartar a libertade de expresión a un veciño e militante socialista"
O PSdeG-PSOE de Leiro considera que "a xustiza deulle un portazo na cara ao alcalde do municipio e senador do Partido Popular, Francisco José Fernández Pérez, no seu intento de reprimir” e coartar a liberdade de expresión da veciñanza con falsas enuncias. A sentenza do xulgado de 1ª instancia e instrución nº 1 de Ribadavia vén de decretar o sobresemento libre e o arquivo das dilixencias ao constatar que non existe ningún tipo de delito nas declaracións realizadas por un veciño e militante socialista en redes sociais sobre o alcalde de Leiro", manifestan.
Os socialistas denuncian que o “intento” do rexedor de “amedrentar” á poboación a base de denuncias “carentes de total fundamento” levou unha “sonora labazada” por parte da xustiza, "ao entender que as actuacións practicadas acreditan que os feitos obxectos da causa que iniciou o alcalde de Leiro contra un veciño, non son constitutivos de delito",afirman. O Grupo Municipal Socialista sinala que o rexedor do Partido Popular “debería centrarse máis en escoitar as queixas, reclamacións e denuncias da veciñanza, en lugar de tratar de reprimir a súa liberdade de expresión, con accións impropias da democracia”.
Consideran que "o modus operandi de Fernández Pérez esconde espurios intereses por tratar de silenciar a voz da veciñanza, co obxectivo de que ninguén discuta o desleixo e o abandono que vive o municipio e deste xeito tapar a súa nefasta xestión ao fronte do Concello de Leiro”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, congratúlase de que a xustiza “dea a razón a veciñanza nas súas reclamacións e que desestime que hai un delito nas declaracións feitas por un militante socialista e veciño nas redes sociais”. Neste senso, o edil socialista lembra que “a crítica política e da xestión administrativa, non poden integrar nunca un delito, aínda que o xuízo sexa acerbo, apaixonado ou esaxerado, tal e como quedou probado na sentenza xudicial”.
Rodríguez Vázquez tamén afirma que o alcalde do Partido Popular “debería centrarse en traballar por mellorar o municipio, en lugar de estar molestando a xustiza con denuncias sen fundamento algún, que non fan máis que demostrar que o único que busca e tapar as súas vergoñas e que non se fale do seu desleixo cara a veciñanza de Leiro”.
Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE na localidade subliña que o rexedor “ten o deber de escoitar á veciñanza, en lugar de ignorala, como nos ten acostumados ao longo do seu mandato” e esíxelle a Francisco José Fernández que “deixe de molestar a xustiza con asuntos sen relevancia e asuma a crítica como parte do cargo de alcalde de Leiro, presidente da mancomunidade do Ribeiro e senador”.
Os socialistas aseguran que na sentenza xudicial queda de manifesto nos fundamentos do dereito que “non pode deducirse das actuacións que os feitos denunciados poidan ser constitutivos de delito, polo que non se pode establecer un límite de permisibilidade tan baixo á crítica política e social, que implique non poder realizar manifestacións acerca da opinión que merecen as actuacións levadas a cabo por persoas que ostentan cargos públicos ou electos”.
A sentenza tamén confirma -remarca o PSOE- que Francisco José Fernández, alcalde de Leiro, ostenta un cargo público e as expresións foron vertidas nun grupo de Facebook do partido contrario, polo que se estima que non hai nin calumnias, nin inxurias, xa que non se imputa ningún delito concreto.