O PSOE aproveita a presentación do seu candidato en Leiro para "alertar sobre a ubicación da incineradora no Ribeiro"
O secretario Xeral Provincial, Raúl Fernández, participou hoxe no acto de presentación da candidatura socialista no concello de Leiro, onde advertiu que “coñecendo a forma de actuar do PP, os socialistas deben manterse alerta respecto da posible ubicación da incineradora-vertedoiro no Ribeiro”, ao que engadiu que “se finalmente non se instala alí será gracias á presión da poboación”.Así mesmo, Fernández amosou a súa preocupación “polos incendios que estos días de calor arrasaron máis de 2.000 hectáreas na nosa provincia, e polo que a Xunta terá que responder ante os cidadáns”. “Por que non está en marcha xa o plan de prevención de lumes? Por que tendo a información meteorolóxica sobre a calor e a seca non se reforzaron os equipos? Quen solicitou as queimas que ao parecer se solicitaron e por que Medio Rural as permitiu?”, preguntou o dirixente socialista.
O candidato socialista á alcaldía de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, presentou o seu equipo, “persoas novas comprometidas, con ideais e ilusión para darlle un sopro de aire fresco á política do noso Concello”.
No seu discurso, Rodríguez lamentou que nestes últimos catro anos vivíronse situacións antidemocráticas no Concello, facendo uso de insultos e calumnias nos plenos, e mesmo persecucións e nivel persoal e laboral, pintadas, panfletos e anónimos, “actitudes que hai que desterrar para sempre no noso pobo e que só conseguiron darnos máis forza para loitar polos intereses dos nosos veciños”.
“Ante o goberno caduco do PP e a parálise das súas políticas en todos os ámbitos, os socialistas nos presentamos co único obxectivo de mellorar os servizos básicos do noso pobo, das súas infraestruturas, de ofrecer un Centro de Día aos nosos maiores, espazos de xogo para os nenos, e oportunidades laborais e vivenda para que os nosos mozos non teñan que facer a maleta e marchar”, dixo.
“Temos un proxecto de renovación de xente e ideas”, dixo, e prometeu cercanía, transparencia, austeridade, participación, flexibilidade “e por suposto traballo e máis traballo en defensa dos dereitos de todos os veciños”.
“Pola contra, o Partido Popular ofrece máis do mesmo: retroceso, caciquismo, oscurantismo e a busca do beneficio duns poucos a costa do benestar xeral”, afirmou, e puxo como exemplo a planta de lodos que tanto malestar ocasionou aos veciños de Leiro.
O acto foi presentado polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco.