O PSOE de Leiro afirma que as contas municipais non teñen superavit, como defende o Alcalde da localidade

2, Decembro 2011

 

Os socialistas de Leiro afirman que o alcalde minte cando declara aos medios de comunicación que as contas municipais teñen superávit. O portavoz, Manuel Rodríguez Vázquez, critica a xestión do PP neste Concello, que como o propio rexedor recoñeceu en pleno, debe como mínimo dous anos á comunidade de Samos polo usufruto das fincas dos arredores do mosteiro de San Clodio, cantidade que ascende a 12.000 euros, así como as facturas de xullo a novembro deste ano de Gas Natural, entre outras facturas atrasadas e pendentes de pago a diversos proveedores. O edil socialista considera que a actuación do alcalde popular “é unha farsa continua, pois aos medios de comunicación di unha cousa e nos plenos di outra”.

 

Así, lembra que prometía non tomar medidas drásticas para despois subir o IBI un 100%, pese ás peticións socialistas de esperar á aprobación do novo PXOM. “Pola contra hai pobos do noso concello que non teñen alcantarillado, nin acceso rodado ás vivendas”, engade. Por outro lado esixe ao alcalde “que non presuma de fomentar a reciclaxe, porque as plantas de residuos de obras e de lodos existentes no noso concello se quedaron obsoletas, e fan de todo menos reciclar”.

 

Por último advirte que a nova empresa que xestiona a planta de lodos está comprando os terreos colindantes para almacenar os lodos. Os socialistas critican que fronte á actitude dos veciños de San Cristovo de Cea que impediron a súa instalación, “o alcalde de Leiro permitirá facer este almacén de lodos en detrimento da saúde e calidade de vida dos veciños dos pobos ubicados arredor da planta”.