O PSOE de Leiro pide que a Corporación Municipal se pronuncie sobre a incineradora
Os socialistas de Leiro presentaron unha moción pedindo a convocatoria dun pleno extraordinario para rexeitar a ubicación no concello do Irixo da planta incineradora de lixo.
O único punto do día deste pleno extraordinario sería o debate da moción presentada polo PSdeG e o Grupo Mixto para rexeitar dita planta de residuos urbanos do sur de Galicia no concello do Irixo.
Na exposición de motivos da moción lembran “o cinismo e a falta de valentía do PP” que non fixo pública a ubicación da planta ata pasadas as eleccións xerais “por medo a perder votos no concello e na comarca afectada”.
Salientan a oposición frontal a esta planta manifestada por colectivos veciñais, sociais e políticos de toda índole, para evitar que “Ourense se converta no estercoleiro do sur de Galicia”, e critican a demagoxia do PP “cando asegura que esta planta aposta polo reequilibrio territorial entre a Galicia costeira e a do interior”.
“Estamos seguros que se alguén aprecia á provincia de Ourense non se lle pasaría pola imaxinación traer unha megaplanta contaminante para esta provincia”, afirman.
Na moción instan ademais á Xunta a apostar por modelos de tratamento de residuos alternativos á incineración, máis racionais e respectuosos co medio ambiente que contribúan a xeración de numerosos postos de traballo.