O PSOE de Leiro reclama a reforma urxente da iluminación da ponte da Esperela "que é un perigo porque cega aos conductores"

19, Febreiro 2025

O PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar un escrito dirixido a consellería de vivenda e infraestruturas para que de forma “urxente” proceda a regular e solucionar o problema do alumeado da ponte da Esperela na OU-209. As e os socialistas denuncian que as obras levadas a cabo con financiamento da Xunta de Galicia presentan “graves” carencias en materia de iluminación, xa que tal e como apuntan “as luces cegan aos condutores pola noite, restándolles visibilidade”.

Dende o grupo municipal socialista explican que nas últimas semanas “foron moitos os veciños e as veciñas que nos trasladaron as súas queixas polo pésimo estado no que quedou a iluminación da ponte da Esperela tralas obras executadas con financiamento por parte da Xunta”. Tal e como indican as e os socialistas “as luces cegan aos condutores pola noite, reducindo a visibilidade e pondo en perigo a seguridade viaria”.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, e Pedro José González, reclaman solucións “urxentes”, ante unha situación que consideran de “extrema gravidade”. Tal e como subliñan os edís socialistas “os focos cegan aos condutores e xa houbo algún accidente de tráfico por este motivo, concretamente o pasado 28 de decembro, escasos días despois da inauguración da obra”.

Rodríguez e González consideran que a consellería de vivenda e planificación de infraestruturas debe “por solución a esta problemática, co fin de garantir a seguridade viaria e de evitar futuros accidentes”. Os concelleiros afirman que “a regulación das luces para evitar que ceguen aos condutores pola noite é indispensable para unha correcta circulación pola ponte da Esperela e que deste xeito non teñamos que lamentar máis accidentes”.

Dende o PSOE de Leiro lembran que as obras da ponte da Esperela “xa supuxeron importantes contratempos para a veciñanza e os negocios, tras estar pechado este acceso principal ao municipio durante moitos meses, e coincidindo co verán”. As e os socialistas xa amosaron no seu momento a súa “desconformidade” e denunciaron a “falla de previsión” da Xunta e do concello nas obras e agora trasládanlle a consellería as reclamacións da veciñanza, cada vez máis preocupada polo risco que supón circular por esta ponte durante as noites.