O PSOE pregunta no Parlamento pola ausencia de médicos en Leiro o pasado dia 7

17, Decembro 2010

O PSdeG preguntará no Parlamento  a razón pola que o pasado 7 de decembro non houbo médico de primaria no concello de Leiro. A parlamentaria María del Carmen Acuña lembra que no día laborable en medio da ponte da Constitución o Centro de Saúde de Leiro non dispuxo de ningún médico de atención primaria, pese a que habitualmente conta con dous facultativos para atender as necesidades sanitarias dese concello. Explica que a ausencia de médico durante tantos días trouxo graves molestias aos veciños, e algúns deles incrédulos ante a ausencia do médico esperaron pacientemente a que mandaran algún doutro punto, xa que eles tiñan cita. Engade que outros veciños, con máis presa, foron desprazándose para lograr ser atendidos por médicos de concellos limítrofes, aínda que os profesionais sanitarios non entendían nada porque nin sequera foron avisados e protestaban por este incremento de pacientes, xa que ben lles chegaba cos que lles correspondían ese día das súas propias cotas. Acuña salienta que o máis grave foi que en Leiro xurdiu ese día unha urxencia vital coa conseguinte desesperación do enfermo e dos seus familiares, urxencia que foi desprazada polo 061 sen valoración facultativa previa. A deputada presentou unha pregunta para a súa resposta por escrito sobre como se resolveu esta situación, cantos pacientes se desprazaron e a que  puntos, e cantas urxencias e de que natureza se presentaron en Leiro ese día.  Ademais prguntará cal é a media de demanda diaria de consulta do médico de atención de primaria no centro de saúde de Leiro, e se está adaptado para a atención e acceso de minusválidos, así como se conta con aseos adaptados a este colectivo.