O Rali do Lacón citará este sábado a 60 coches históricos na Praza da Veracruz

11, Marzo 2026

O Concello do Carballiño colabora na 16ª edición do Rali do Lacón Históricos, organizada pola Escudería Clásicos Arenteiro. A cita levarase a cabo este sábado, 14 de marzo, e contará coa participación de 60 coches históricos. O punto de saída é a Praza da Veracruz, onde os vehículos estarán aparcados desde as 13,00 ata as 15,30 horas.

“Convidamos á veciñanza do Carballiño e doutros concellos a achegarse á Veracruz para desfrutar da calidade dos coches”, apuntou esta mañá José Castro, alcalde en funcións, na presentación do evento. “Este tipo de eventos permiten dinamizar o noso municipio”, resaltou.

Santiago Ruibal, organizador do evento, agradeceu o apoio do Concello do Carballiño e do resto de institucións colaboradoras. “Nesta edición contamos con máis equipos participantes que o ano pasado”, destacou. Os vehículos percorrerán 150 quilómetros polo Carballiño, Boborás, Carballeda de Avia, Leiro e Maside. “Faremos unha parada para un descanso de 45 minutos nas piscinas de Boborás, onde tomaremos algo”, detallou Ruibal.

A partir das 13,00 horas do sábado, a organización realizará na Veracruz as verificacións técnicas e administrativas dos coches participantes. “Ás 15,30 horas sairá o primeiro dos vehículos”, avanzou.