O responsable da agrupación socialista de Leiro pídelle "respeto político e persoal" ó Alcalde do Partido Popular

23, Novembro 2010

O Presidente do PSdeG de Leiro, Ángel Sanmarful, denuncia “as continuas fallas de respecto do Alcalde cos concelleiros socialistas tanto a nivel político como persoal, tal e como demostran as súas manifestacións ante os medios de comunicación”. Sanmarful lembra ademais que “o Alcalde da corporación municipal non debería consentir ningún trato despreciativo ante os edís socialistas que son representantes da cidadanía no Concello, e moito menos sorrir ante tal circuntancia ou ser el mesmo a orixe destos actos merecedores dunha total  repulsa en democracia”.

 Neste sentido engade que nin el nin a Agrupación van consentir que o Alcade vulnere os dereitos e deberes dos concelleiros socialistas, e advirten que no caso de verse obligados o levarán aos tribunais para que lles sexan recoñecidos os seus dereitos. Sinala que os concelleiros socialistas buscan como único protagonismo defender os intereses dos veciños para que teñan a maior calidade de vida e benestar posibles, infraestruturas e vivendas dignas, ademais de evitar que se maltraten os seus dereitos como cidadáns. “Este labor conleva asímesmo o control á acción de goberno, e o desprecio do alcalde á oposición só amosa a súa evidente a palpable ineptitude”, afirma. Sanmarful considera que o Alcalde “está queimándose el só” e que “non representa máis que aos seus amigos”, e pídelle que non lle bote a culpa aos socialistas “dos seus males, xa que son froito da súa política”. En canto á planta de lodos recorda que foi o alcalde quen deu a licenza municipal, polo que “é o único responsable dos malos cheiros e as molestias ocasionadas aos veciños e ao medio ambiente”.

 

Con respecto ao Balneario de Berán, sinala que “tamén é culpa do alcalde que esté pechado, porque tiña todo amañado cunha empresa amiga, e o vocal socialista na Entidade Menor só pediu transparecia e legalidade, e o tempo simplemente lle está dando a razón”. Por último manifesta a súa satisfación porque “grazas ao esforzo e tesón dos veciños de Leiro unha parte dos terreos do Camping, pechado no seu día pola nefasta xestión do Alcalde, serán obxecto de investimento dunha empresa de ocio”.