O Sergas abre o prazo dun mes para a toma de posesión de catro novos médicos con praza nos centros de saúde do Carballiño, Punxín, San Amaro, Piñor e O Irixo, e ofertará outras dúas prazas para Beariz e O Carballiño.

28, Xaneiro 2024

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, polo que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, convocado pola Resolución do 4 de maio de 2023. As persoas nomeadas disporán do prazo máximo dun mes para incorporarse de modo efectivo no destino elixido.

Deste xeito, darase cobertura estable a seis novas prazas de atención primaria en varios centros de saúde da comarca do Carballiño, que se atopaban vacantes ou estaban cubertas por persoal interino. Catro destas prazas xa foron adxudicadas e outras dúas serán ofertadas próximamente

Estas adxudicacións prodúcense trala publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 15 de decembro, da resolución pola que se fixo público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, relativo á baremación definitiva dos méritos do concurso, á publicación dos aspirantes seleccionados e pola que se convoca para o acto de elección de destino.

En concreto, nas próximas semanas e no prazo de menos xa dun mes deberán tomar posesión das súas prazas os novos facultativos que exercerán o seu traballo de forma compartida nos centros de saúde do Carballiño-Punxín, Coles-Piñor, O Irixo-San Amaro e Punxín-San Amaro.

Ademáis, O Sergas volverá ofertar a través dunha nova convocatoria as dúas prazas que quedaron sen adxudicar neste último concurso de méritos, que no caso da comarca do Carballiño son dúas prazas de médico de atención primaria con destino, unha delas compartida para os centros de saúde do Carballiño e Beariz, e a outra con dedicación exclusiva para o centro de saúde do Carballiño
·
Desta forma, nas próximas semanas incorporaranse 64 profesionais de medicina familiar e comunitaria a estes centros de saúde.