O Sergas anuncia a partir do próximo xaneiro a ampliación de profesionais de enfermería no PAC do Carballiño "de acordo coa súa demanda asistencial"

21, Novembro 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia a inminente ampliación do persoal de enfermería nos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Carballiño, asi como nos do Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e Ourense, con 12 novos profesionais desta especialidade.

Así, e no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable do Servizo Galego de Saúde explicou que desde xaneiro de 2025 estes centros sanitarios de atención primaria verán incrementados os seus recursos humanos de acordo á demanda asistencial que rexistran na actualidade.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, José Ramón Parada remarcou que a planificación do persoal dos PAC realízase en función da poboación e das cargas de traballo, e non da equiparación entre persoal sanitario.

Neste sentido, apuntou que no caso da provincia ourensá “a súa dotación é semellante á do resto das áreas sanitarias galegas”. Actualmente, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta con 14 Puntos de Atención Continuada, aos que se engaden dúas Zonas Especiais (A Gudiña-Mezquita e A Veiga-O Bolo).

Sobre este particular, e en alusión ás novas incorporacións de persoal, precisou que os PAC de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño “terán unha equiparación completa”, no que atinxe á ratio médico-enfermeira.