O socialistas denuncian ante a Confederación Hidrográfica ao concello de Leiro "por facer obras no campo de fútbol en zona inundable do rio Avia sen autorización"

11, Marzo 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que as obras realizadas polo alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, no campo de fútbol do municipio non contaron coa autorización pertinente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Os socialistas explican que no proxecto de reforma instaláronse unhas gradas fixas de formigón construídas no devandito campo de fútbol, situadas a menos de 100 metros do río Avia e en zona inundable, polo que era “imprescindible” contar coa autorización da CHMS.

Dende o Grupo Municipal Socialista anuncia que tomarán as medidas “oportunas” ao respecto e non descartan levar esta obra ante a “xustiza”, xa que segundo explican “non consta na Confederación ningunha solicitude rexistrada polo Concello para dita reforma, nin autorización para a instalación desta estrutura prefabricada de formigón”. Dende o PSdeG-PSOE en Leiro consideran que “á espera das dilixencias previas abertas na CHMS, todo indica que o alcalde e senador non observou as normas preceptivas para todos, e que no exercicio das súas funcións, fai cumprir a todos os veciños e veciñas”.

O proxecto para a reforma da iluminación, vestiarios e ambiente do campo de fútbol contaba cun investimento de 65.000 euros e no mesmo procedeuse a substitución da tribuna metálica móbil de dez metros de lonxitude por outra nova de prefabricado de formigón, fixa e de doce metros de lonxitude. “O problema vén na instalación deste elemento fixo, xa que coa presenza do río a escasos 100 metros e sita en zona inundable, é de obrigado cumprimento requirir os permisos oportunos a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cousa que o alcalde de Leiro non fixo”, alertan os socialistas.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, este é outro exemplo “claro” da forma de actuar do rexedor do municipio, “sempre pola porta de atrás, caendo nas mentiras e na manipulación e abusando do seu poder”. Para o edil socialista a situación “é moi preocupante, posto que o señor Fernández ignorou por completo a normativa vixente e os requisitos que deben cumprir as construcións en zona inundable”.

Rodríguez Vázquez tamén sinala que os socialistas “non nos opomos a mellora das instalacións do campo de fútbol de Leiro, xa que concordamos que precisaba dunha mellora, pero non estamos conformes coa forma de levar a cabo esta obra, sen pedir as autorizacións pertinentes e ignorando por completo a lei de chan inundable”. Ante esta situación, o voceiro do PSdeG-PSOE anuncia que “estudiaremos todas as medidas posibles e xa nos puxemos en contacto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que teñan coñecemento do sucedido e tomen as medidas que consideren oportunas”.

Os socialistas tamén denuncian que nun “novo alarde de falta de transparencia e ausencia total de ética”, o alcalde do Partido Popular “tentou agocharnos a resposta oficial da CHMS a dous escritos rexistrados polos socialistas o 29 de decembro de 2021 e o 4 de febreiro de 2022. Relata o voceiro do PSOE en Leiro “a resposta chegou por correo electrónico ao Concello o pasado 11 de febreiro ao meu nome, pero ata o día de hoxe o alcalde non nos deu traslado oficial de dita información, a pesar de ser os destinatarios da mesma e tivemos que pornos en contacto directamente coa CHMS, quen nos confirmou o envío do escrito e nolo fixo chegar directamente”.