O Templo da Veracruz acolle este sábado 12 de Setembro o "5º Festival Outros Países, Outras Músicas"
A Coral Polifónica Campo Lameiro, de Pontevedra; o Coro de Cámara Ludus Tonalis, da Coruña, e o Coro de Cámara Música Viva do Carballiño, conforman o cartel do 5º Festival Outros Países, Outras Músicas, que promove o coro Música Viva, en colaboración co Concello do Carballiño, a Deputación Provincial de Ourense e a Federación de Corais de Galicia.
O evento celebrarase no templo da Veracruz este sábado, 12 de setembro, ás 20,30 h., e contará con todas as medidas de separación e seguridade polo coronavirus.
Ao respecto, o presidente do Coro Música Viva, Antonio Rey Cornide, asegurou que se establece un protocolo estricto, como é gardar a distancia entre coralistas de 1,5 m, e entre os coros e o público de 3 m, así como o uso de xel hidroalcólico para o lavado de mans do público, uso de máscara e separación.
O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Antonio Rey Cornide.
Diego Fernández destacou a consolidación deste festival no calendario cultural do Carballiño, así como o feito de que se poidan escoitar músicas de todo o mundo nun marco inigualable como é o Templo da Veracruz. Agradeceu e felicitou ao Coro Música Viva polo labor que desenvolve e, sobre todo, polo esforzo que supón organizar este festival en tempo de pandemia. Ao respecto destacou o protocolo minucioso de prevención establecido pola organización.
Antonio Rey amosou o seu orgullo de que O Carballiño poida presumir de festival, que cada ano eleva a calidade dos coros participantes. Neste senso destacou ao coro Campo Lameiro, dirixido por Sofía Bouzada Pérez, cun bagaxe importante dentro e fóra de Galicia, a ao Coro de Cámara Ludus Tonalis da Coruña, dirixido por Ruper Twine, ademais do coro Música Viva, que dirixe Miguel Sáez Sotelo.
Son formacións de cámara de arredor de 12 ou 13 membros, o que facilita a separación entre cantores para poder gardar a distancia establecida no protocolo de prevención e seguridade ante o covid 19. Os tres coros interpretarán seis temas cada un, que serán moi variados, contribuindo a que o festival sexa ameno.