O Tribunal de Contratación Pública de Galicia anula o contrato do concello para o mantemento das zonas verdes "ao detectar irregularidades no procedemento", asegura Espazo Común.

25, Agosto 2022

O Tribunal Administrativo da Contratación Públlica de Galicia (TACGAL) vén de comunicar a anulación da adxudicación do contrato para o mantemento de zonas verdes do casco urbán do Carballiño feita a finais de xullo polo Concello a unha empresa nunha licitación valorada por riba dos 230.000 euros "despois de detectar importantes irregularidades nos diferentes pasos do procedemento", asegura o grupo municipal de Espazo Común.

Engaden que "ante esta situación, de extrema gravidade, Espazo Común demandará con absoluta urxencia acceso a toda a documentación do expediente. Agardamos dilixencia no cumprimento da lei e que se nos facilite á maior brevidade posible xa que estamos ante un caso máis de neglixencia e ocultación por parte do goberno de Fumega".

Asemade, consideran que "as explicacións do rexedor á cidadanía deberían ser inmediatas e, para variar, claras e avaladas con documentos".

Espazo Común afirma que 2"ste feito ten consecuencias graves inmediatas para a cidadanía como a paralización, nunha das épocas máis importantes do ano, do mantemento de zonas verdes ao non ter empresa contratada nin brigada de persoal municipal que foi desmantelada polas políticas privatizadoras deste goberno".

Finalmente, dende este grupo da oposición municipal pregúntanse “qué ten que ocultar o alcalde e o goberno do Carballiño para que un tribunal anule unha contratación pública?” e avanzan que "dende Espazo Común incidimos no noso compromiso de investigar tódalas adxudicacións feitas por Fumega e o seu equipo, particularmente a do servizo de limpeza viaria sobre a que recibimos xa varias denuncias por presuntas irregularidades".