O vicepresidente da Xunta pon como exemplo de colaboración entre concellos á Mancomunidade do Ribeiro
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou nesta visita á sede da entidade intermunicipal do Ribeiro que "a colaboración cos concellos permite levar adiante actuacións que redundan directamente no benestar da cidadanía, como é o caso da Mancomunidade do Ribeiro que supón un exemplo de xestión compartida de recursos e de prestación conxunta de servizos por parte de concellos limítrofes".
Alfonso Rueda, visitou o fondal do concello de Beade onde está situada a sede da Mancomunidade do Ribeiro, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense; Marisol Díaz Mouteira e da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, onde puideron comprobar de primeira man as melloras e actuacións levadas a cabo grazas ás axudas da Vicepresidencia. Nesta visita estaban presentes os cinco alclades dos concellos que integran na actualidade a entidade, que son os de Beade, Leiro, Cenlle, Cortegada e A Arnoia.
Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, a Mancomunidade do Ribeiro recibiu este ano unha axuda destinada a gastos de mantemento e á optimización enerxética do alumeado das dependencias da sede, e grazas ás axudas do ano pasado foi adquirido un camión para a prestación de servizos mancomunados, axudas que superan os 400.000 euros.