O xeodestino turístico O Carballiño-Ribeiro presentouse na Casa de Galicia en Madrid á prensa especializada en turismo e gastronomía, con numerosa asistencia de medios.

25, Outubro 2023

O xeodestino O Carballiño-Ribeiro presentouse na Casa de Galicia en Madrid a prensa especializada en Turismo e Gastronomía. O director da mesma, Javier Vázquez, foi o anfitrión deste evento que amosou as bondades do xeodestino, pero tamén da provincia en xeral. O xeodestino turístico O Carballiño-Ribeiro está integrado pola práctica totalidade dos concellos de ambas as dúas comarcas.

O encargado de presentar a riqueza turística que ofrecen os diferentes municipios adheridos ao xeodestino foi o seu presidente, Francisco José Fernández, quen afirmou “que se trata do territorio máis termal da provincia termal española de referencia. Ademais todo aquel que se achegue a nosa comarca será recibido cos brazos abertos”. O presidente do xeodestino e alcalde de Leiro, trasladou aos prescriptores especializados no ámbito turístico e gastronómico as bondades que ofrece a provincia de Ourense, sinalando que precisamente este xeodestino “representa á perfección os atributos cabeceira da nosa marca turística e que pivotan en catro recursos: o patrimonio, a natureza, a enogastronomía e o termalismo”.

No acto interveu tamén, Manuel Dacal, Concelleiro de turismo de Carballiño, que fixo referencia ao polbo, cunha Festa ao redor del, que está declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Por último José Luis Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea, falou sobre as bondades do “Pan de Cea”, recoñecido coa Indicación Xeográfica Protexida recoñecida pola Orden de la Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

O acto consistiu en escenificar unha romaría polbeira no pleno corazón de Madrid con gaiteiros, polbo á feira, viño do Ribeiro e pan de Cea para dar a coñecer todas as potencialidades do territorio. Tamén houbo unha proxección dun documental sobre o polbo do Carballiño, a súa orixe, a súa historia, a súa preparación e toda a súa tradición que leva detrás e a estirpe de todas as polbeiras que percorren todos os pobos de Galicia, levando o seu saber facer polos diferentes lugares.

A estrela do acto foi a polbeira Aurora Baranda, terceira xeración de polbeiras que segue percorrendo Galicia, de feira en feira, demostrando que o polbo non soamente é un prato para feiras, senón que se pode presentar ao máis alto nivel gastronómico porque é un produto perfecto. A sala quedou pequena polo gran poder de convocatoria.

Todos os xornalistas que acudiron ao acto marcharon encantados e con moi bo sabor de boca tras unha presentación diferente, de pé, mentres degustaban estes produtos de calidade, do sabor do polbo, do viño e dos acompañamentos. Fernando Valmaseda, director da Agencia de Comunicación Turística RV Edipress e do programa de radio Miradas Viajeras (Radio Capital) e Miradas Viajeras TV en Movistar efectuou a presentación do acto.