As obras da senda peonil do río Avia en Leiro quedarán rematadas no transcurso deste mes de Novembro
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou, xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, as obras da senda peonil na marxe dereita do río Avia ao seu paso por Leiro, unha construción que supera os 200 metros de lonxitude e que substitúe á antiga pasarela de madeira que estaba situada neste lugar.
Analizadas por parte dos técnicos as distintas alternativas para repoñer a continuidade da senda fluvial optouse por demoler a pasarela e dar continuidade ao paseo ocupando o espazo situado entre o muro que delimita a marxe do río e as fincas lindeiras.
Con elo conséguese recuperar este tramo da marxe do río Avia, integrándoo no ámbito urbano de Leiro e eliminando o obstáculo que supuña a pasarela para o cauce do río, en liña cos obxectivos do Plan Hidrolóxico e da Directiva Marco da Auga. Trala demolición da pasarela realizáronse as obras de construción e acondicionamento da senda peonil, que alcanza os 210 metros no seu trazado principal, cun ancho de catro metros nalgúns tramos.
A parte final da senda remata nunha explanada empedrada, contigua a un muíño restaurado hai anos, tentando poñer así en valor esta edificación, que na actualidade se destina a punto de información e conexión a Internet. Manuel Baltar saudou positivamente "que se concreten propostas que veñen da man dos concellos para mellorar aspectos relacionados co medio ambiente, como é esta senda fluvial nunha das riquezas que temos na provincia de Ourense como é a nosa auga e o noso termalismo, nun municipio turístico por excelencia como Leiro".
O presidente do goberno provincial agradeceu "a cooperación, sempre, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e tamén do Concello de Leiro, porque estas son obras que perduran no tempo e que repercutirán moi positivamente nos visitantes e tamén nos veciños deste municipio. En definitiva, facemos e transformamos provincia, que é do que se trata", expresou Manuel Baltar. Francisco Marín destacou que o importante desta obra foi "mellorar o dominio público hidráulico, porque se eliminou a antiga pasarela que invadía o río, e se construíu un novo sendeiro que contará cun firme ecolóxico, iluminación e mobiliario urbano" para facer máis cómodo e accesible o tránsito de peóns por esta senda fluvial.
Pola súa banda, o alcalde de Leiro agradeceu tamén a colaboración da Deputación de Ourense e da CHMS para levar a cabo este proxecto "que achega aínda máis valor medioambiental a esta fermosa contorna do noso concello", dixo Francisco José Fernández.
O acceso norte desde Leiro a este novo tramo de paseo fluvial será acondicionado con adoquín, mentres que o acceso sur será acondicionado cos mesmos materiais que o resto do itinerario. O importe total das obras ascende a 191.469 euros, achegados polo Concello de Leiro, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Deputación de Ourense, estando prevista a finalización dos traballos no presente mes de novembro. Neste momento estase na última fase da súa execución, na que se levan a cabo labores de pavimentación, instalación eléctrica e alumeado, acabados de urbanización e recuperación natural dos noiros.